Escoitar

A Brigada policial para costa e praias contará este verán con 14 axentes e un oficial permanente ao mando

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou este venres o dispositivo policial para a vixilancia e seguridade das costas e das praias, conformado por 14 axentes e a novidade dun oficial permanente ao mando da brigada. Caballero eloxiou o "factor de seguridade e confianza" que supón a súa presenza nos areais da cidade. O Concello instalou ademais paneis informativos sobre o axeitado uso da praia de Samil.

venres, 18 xuñ 2010
1276861611brigada.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, acudíu este venres a Samil para presentar a Brigada Costa e Praia da Policía Local de Vigo, encargada de garantir a seguridade cidadá con 14 axentes e a novidade dun oficial permanente máis ao mando.

O socialista, que visitou Samil coa concelleira de Medioambiente, Chus Lago, e o edil de Seguridade, Xulio Calviño, explicou ante os medios de comunicación que os efectivos encargaranse da seguridade das praias e de zonas costeiras como o paseo do río Lagares, que percorren diariamente. A súa presenza é un "factor de seguridade e confianza" para a cidadanía, apuntou Caballero, pois ocúpanse tanto dos roubos como do benestar dos bañistas en calquera das incidencias que poidan acaecer.

O alcalde indicou que o servizo municipal actuará nos principais areais da cidade, que este ano foi galardoada con oito bandeiras azuis, unha máis que o pasado ano, ata converterse no segundo municipio galego -tras Sanxenxo- en número de distincións.

Caballero felicitou á concelleira de Medioambiente, Chus Lago, polo seu "esforzo" na tempada de praias, e recordou que este ano o Concello ofrece servizo de socorrismo en once praias. O rexedor alabou a "capacidade e cualificación" dos efectivos de salvamento que xa están a operar actualmente na cidade.

Sinalización
Abel Caballero apuntou asemade que o Concello instalou en Samil unha nova sinalización informando aos usuarios da normativa vixente no uso do areal, que prohibe os animais na praia, os lumes e alerta sobre xogos e ruídos na mesma. O obxectivo municipal con esta campaña é "proporcionar unha convivencia e disfrute das praias máis harmónica para os cidadáns".
Descargar todas as imaxes