Escoitar

Santi Domínguez destaca que as competicións de billar que comezan mañá deixarán un retorno económico de 4 millóns

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, presentou este xoves as competicións de billar que comezan mañá en Vigo, como son o Campionato Galego, que se celebrará dende mañá 18 de xuño ao 9 de xullo, o IX Campionato de España de Billar Pool, que terá lugar do 21 ao 26 de xuño e o Open Intercontinental, os días 24 e 25 de xuño. Destacou que a celebración destas probas no Ifevi supón a presenza de arredor de 10.000 persoas na cidade e un retorno económico próximo aos 4 millóns de euros.

xoves, 17 xuñ 2010
1276783752Billar.JPG
"O apoio da Tenencia de Alcaldía á celebración destas probas non só é dende o punto de vista deportivo, senón tamén turístico no inicio da temporada estival", afirmou Santi Domínguez. Ao respecto, sinalou que a celebración destes eventos o ano pasado en Lugo deixou un retorno económico de 3 millóns de euros, "e en Vigo todo indica que imos superar estas cifras porque tamén temos como novidade o Open Intercontinental", asegurou.

Estas probas deportivas súmanse á celebración Foro Mundial FISU e o Campionato do Mundo Universitario de Taekwondo, cos que representantes de máis de 72 países dos cinco continentes estarán en Vigo entre o 21 de xuño e o 4 de xullo. "Temos un mes de xuño redondo e maxistral para o sector turístico a través da coordinación da Tenencia de Alcaldía, o Ifevi, Caixanova e as demais entidades", salientou o tenente de alcalde.

Para Santi Domínguez, en tempos de crise é preciso "aunar esforzos para traer a cidade eventos que deixen retorno económico e que dinamicen os sector do comercio e o turismo". Exemplo desta dinamización é que durante a celebración do Billar Pool 12 hoteis da cidade teñen todas a súa capacidade completa.

No eido deportivo, o tenente de alcalde salientou que o espectáculo "está garantido", porque serán 85 as mesas de billar nas que se disputarán as distintas eliminatorias. Agradeceu ás Federacións Galega e Española de Billar, así como a Confederación Española de Pool e ao Ifevi "pola súa aposta por que este acontecemento deportivo se celebre en Vigo polo que significa de promoción do deporte e de retorno económico".

O presidente da Confederación Española de Pool, Carlos Iglesias, destacou que serán un total de 3.800 os participantes en todas as competicións, dos que só no Campionato Galego sumarán máis de 2.000. "É a competición máis multitudinaria de Europa, na que hai xogadores de Vigo moi destacados", afirmou.

"Temos que estar moi orgullosos porque é a primeira vez que se vai facer en Europa un circuíto destas características", subliñou o director xeral da Confederación Española de Pool, Rubén López. Ademais, salientou a repercusión mediática destes acontecementos, xa que a súa retransmisión chegará a máis de 90 países.

O presidente da Federación Galega de Billar, Mateo Alonso, agradeceu os esforzos realizados "para repetir en Galiza estas competicións, e especialmente en Vigo". Na mesma liña manifestouse Jorge Santos, en representación de Caixanova. Mencionou a importancia que ten para Vigo a recente concesión do Premio polo Consejo Superior de Deportes e destacou a repercusión que terá en Vigo a presenza de 10.000 persoas entre organizadores, competidores e acompañantes, "que pasarán unha media dunha semana na cidade".
Descargar todas as imaxes