Escoitar

Vigo recibe mañá venres o premio Cocemfe 2010 polo traballo a prol da mobilidade e a integración das persoas con discapacidade

O Concello de Vigo recibirá mañá en Madrid o premio Cocemfe 2010, concedido pola Confederación de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (Cocemfe) polo seu traballo a prol da mellora da accesibilidade e integración das persoas con discapacidade. O galardón recoñece os programas postos en marcha dende as distintas áreas do goberno da cidade para dar resposta ás dificultades coas que se atopan as persoas con discapacidade.

xoves, 17 xuñ 2010
Para conceder o premio, Cocemfe valorou que o Concello de Vigo entendera a accesibilidade como unha prioridade transversal do goberno e que puxera en marcha programas non só nas áreas coordinadas pola Tenencia de Alcaldía como Benestar Social, Cultura, Xuventude e Igualdade, senón tamén dende Urbanismo, Tráfico ou Parques e Xardíns.

Neste sentido, tivo unha excepcional importancia que no marco do Plan Feil 2009, Vigo foi a cidade que máis investiu do Estado na eliminación de barreiras arquitectónicas, ao destinar máis de 2 millóns de euros en facilitar a mobilidade nun total de 29 equipamentos municipais.

Na súa novena edición, ademais do Concello de Vigo, Cocemfe concedeu os seus premios á duquesa de Alba, á empresa Carrefour, o Concello de Santander e a cadena de televisión La Sexta.

Este reto do goberno de Vigo de potenciar a mobilidade de todas as persoas terá continuidade no 2010 co investimento de 200.000 euros para continuar coa eliminación de barreiras arquitectónicas en dependencias municipais.