Escoitar

O tenente de alcalde presenta unha proposta que permite abrir ao mar a Praza do Berbés e ampliala nun 75%

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, presentou este mércores unha proposta de reordenación do contorno da Praza do Berbés que ten como finalidade abrila ao mar. A actuación, que contemplaría 28.000 metros cadrados de superficie, permitiría ampliar a praza nun 75%. Na presentación do proxecto, na que tamén participou o concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, os nacionalistas defenderon a idoneidade de levar a cabo esta actuación "aproveitando" que a Xunta anunciou a ampliación do túnel de Beiramar.

mércores, 16 xuñ 2010
1276692430Reforma.JPG
"Para nós, o frontal do Berbés é de vital importancia", subliñou Santi Domínguez. Neste sentido lembrou que dende a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Patrimonio Histórico xa se traballa na remodelación das súas fachadas, poñendo a disposición dos propietarios unha liña de axudas e tamén os proxectos de reforma.

O tenente de alcalde asegurou que para levar a cabo este proxecto de recuperación integral da Praza do Berbés é preciso o acordo do Concello de Vigo coa Autoridade Portuaria e a Xunta. Pero ao respecto indicou que non debería existir problema en tanto que é unha actuación que xa se contempla no Plan Especial do Porto.

Segundo explicou Santi Domínguez, esta actuación persegue catro obxectivos fundamentais, entre os que destacou a "superación de barreiras físicas e visuais", mediante a eliminación do peche do espazo portuario e a reubicación das naves existentes, tal e como recolle o Plan Especial do Porto, no peirao de Bouzas. Asemade, este proxecto posibilitaría reconfigurar a praza "abríndoa ao mar e recuperando o seu perfil" dando continuidade visual e física ata a lámina de auga. O tenente de alcalde especificou que esta actuación permitiría compatibilizar a recuperación da praza coa actividade de carga e descarga de barcos de baixura. Para Santi Domínguez, este elemento uniríase ao propio atractivo turístico da praza.

En terceiro lugar, o nacionalista mencionou o soterramento das vías, procurando saídas axeitadas que permitan a conexión co peirao pesqueiro. O proxecto tamén contempla o mantemento do vial de acceso ao parking e aos establecementos comerciais, pero de forma que se dea "continuidade ao entramado viario do Casco Vello". Destacou como último obxectivo a ordenación da circulación local. Segundo sinalou, o uso principal da praza sería peonil, gañando o 75% deste uso con predominancia para os peóns.

No tocante ao custo da actuación, Santi Domínguez asegurou que non sería excesivamente elevado, "tendo en conta as actuacións previstas, e que este proxecto só afecta a 300 metros máis dos contemplados na proposta da Xunta". Neste mesmo sentido, Eudosio Álvarez asegurou que é "perfectamente viable e economicamente barato en relación ao investimento que se prevé para todo o espazo".

O concelleiro de Patrimonio Histórico indicou que "se existe algún lugar en Vigo que merece a pena un esforzo económico para a súa recuperación, é o Berbés, tanto a praza como o seu contorno". Matizou, a súa vez, que se trata dun proxecto "relativamente barato", que permitiría compatibilizar a recuperación do Berbés coa actividade pesqueira de baixura e medio baixura. Ademais de incidir no soterramento do tráfico, Eudosio Álvarez indicou que a actuación prevé a desaparición da rotonda de unión con Teófilo Llorente, "que obstrúe, dificulta e complica a circulación".

En resposta aos medios sobre o prazo de presentación do proxecto e que administración o executaría, o tenente de alcalde indicou que a Xunta vén de convocar o concurso para a a redacción do proxecto de prolongación do túnel, para o cal se deu o prazo dun ano, polo que anunciou que se lle enviará o anteproxecto "para que poida ser contemplado no proxecto da Xunta".

Aclarou que se trata dunha obra que executaría a administración autonómica, pero para a cal é necesario o acordo entre Xunta, Porto e Concello de Vigo. "Tocaremos todos os fíos que teñamos que tocar para que o acordo coa Xunta e o Porto se produza", asegurou ao respecto. Sinalou que se a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Patrimonio Histórico presentan este proxecto é porque "queremos colaborar positivamente nun proxecto que vai acometer a Xunta e queremos que resulte o mellor para a cidade", dixo.

No tocante ás manifestacións da presidenta da Autoridade Portuaria nas que sinala que o Porto no é "lugar de paseo" e que no proxecto da Xunta apenas se contemplan humanizacións, o tenente de alcalde apuntou que no Plan Especial do Porto figura a desaparición das naves e a súa reubicación. "Esta actuación non complica a actividade do Porto, que ten que facer os seus cometidos, pero a cidadanía tamén ten dereito a recuperar espazos que foron gañados ao mar", subliñou Santi Domínguez. Destacou que sería "unha pena" non aproveitar a realización da prolongación do túnel para levar a cabo o proxecto de recuperación integral da Praza do Berbés.

O tenente de alcalde anuncio que o BNG presentará unha moción no vindeiro pleno para recabar o apoio da corporación e instar á Xunta e ao Porto a chegar a un acordo que permite soterrar o tráfico diante do Berbés e reordenar a praza.
Descargar todas as imaxes