Escoitar

O Concello inicia un plan para controlar a colonia de gatos salvaxes de Vigo mediante a esterilización

O alcalde, Abel Caballero, asinou este martes o convenio coa Universidade de Vigo, a Protetora de Animais, o Colexio de Biólogos de Galicia e o de Veterinarios de Pontevedra. O obxectivo pasa por esterilizar aos gatos da rúa e evitar así o crecemento das colonias, evitando as molestias que xeran. A concelleira de Medioambiente, Chus Lago, recordou que leva destinado 400.000 euros á mellora dos animais e da Protetora municipal.

martes, 15 xuñ 2010
1276604541gatos.jpg
A concellería de Medioambiente que dirixe a socialista Chus Lago ven de por en marcha un plan para estabilizar e controlar as colonias de gatos salvaxes presente na cidade mediante a esterilización dos mesmos.

Este martes tivo lugar a sinatura do convenio de colaboración entre as partes, asinado polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, o decano da Facultade de Bioloxía da Universidade de Vigo, Pedro Pablo Gallego, a decana do Colexio Oficial de Biólogos de Galicia, Mercedes Casal, o presidente do Colexio Oficial de Veterinarios de Pontevedra, Luis Núñez, e a presidenta da Sociedade Protetora de Animais e Prantas de Vigo, Amparo Roger.

O obxectivo do acordo establecido é controlar o número de gatos rueiros da cidade mediante a elaboración, en primeiro lugar, dun censo da colonia existente -que estímase superior aos 3.000 exemplares- para logo capturar a machos, esterilizar e soltalos no lugar inicial. A finalidade é evitar a reproducción e as molestias xeradas polos gatos en celo. Esta medida emprégase con éxito nas grandes cidades españolas.

Segundo estipula o texto do convenio asinado hoxe, o Colexio de Biólogos e a Universidade seleccionarán aos profesionais e alumnos voluntarios para o estudo e seguemento das colonias; os veterinarios disporán aos responsables da esterilización e a protectora coordina as accións.

O Concello de Vigo, pola súa banda, ordea as directrices de actuación atendendo aos criterios profesionais e proporciona as instalacións axeitadas nas que realizar as esterilizacións. Neste senso, a edil socialista de Medioambiente, Chus Lago, recordou que o seu departamento leva destinado 400.000 euros á mellora da protetora municipal, cartos nos que se inclúe tamén o incremento da partida destinada á Sociedade Protetora de Animais e Prantas de Vigo, que agora percibe polo seu traballo 96.000 euros anuais.

A concelleira resaltou que as instalacións municipais contan agora cun quirófano que realizar as esterilizacións, mellora que levou un investimento de 36.000 euros. Medioambiente efectuou asemade outras reformas como a conexión do recinto ao saneamento municipal, a contratación dun xestor autorizado para os animais falecidos e a adquisición dun vehículo para o laceiro, entre outras.
Descargar todas as imaxes