Escoitar

O tenente de alcalde presenta a décima edición da Vigo Cup como "o torneo de base máis importante de Galiza"

A décima edición da Vigo Cup, torneo internacional de fútbol base, disputarase do vindeiro 28 de xuño ao 4 de xullo en dez campos de Vigo e contará con 184 equipos de 63 clubs, dos que once clubs (24 equipos) pertencen a entidades deportivas de Estremadura, Castela León, Madrid, Canarias e Portugal. Así o anunciou hoxe o tenente de alcalde, Santiago Domínguez, acompañado polo concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, e a directora xerente de VIDE, Laura Magdalena, durante a presentación do evento na sede da fundación.

martes, 15 xuñ 2010
1276614171Cup.JPG
A Vigo Cup, como nos dous anos anteriores, comezará co acto de entrega dos premios VIDE –sétima edición-, no IMD de Samil. Este ano os galardóns recaeron no presidente do Teis, Antonio Collazo (mellor directivo), Cristo de la Victoria (mellor club) e Diego Mariño, vigués do Vilarreal (mellor sub 21), segundo anunciou o concelleiro de Deportes e presidente de VIDE. "Collazo é un home que leva toda a vida empregando horas de lecer no fútbol", recalcou o concelleiro.

Pola súa banda, o tenente de alcalde lembrou que a Vigo Cup "é un evento consolidado, como o demostra que Diego Mariño quedou campión na primeira edición cos Ianquis de Vigo e fixádevos ata onde chegou", o que di, explicou, "que o torneo é unha boa proba para a canteira". Santi Domínguez incidiu en que cando en 2001 púxoa en marcha como concelleiro de Deportes, "apostamos por outro formato respecto aos torneos estatais, queríamos un torneo para premiar aos equipos de Vigo, que lles servise de verdadeira homenaxe, e que puideran competir con outros equipos de fóra". Para o nacionalista, "os obxectivos están cumpridos e é o torneo máis importante de Galicia".

Pola súa banda, Laura Magdalena explicou que este ano haberá a novidade de que todas as finais xogaranse en Balaídos, é dicir, o fútbol 7 (sub 7, sub 8, sub 10, sub 12, sub 16 feminino e Damas) e o fútbol 11 (sub 14 e sub 16). "Premiamos con isto a tod@s @s participantes", dixo. Ademais, a organización tamén fixo outra chiscadela á igualdade de sexos. Así, a categoría sub 14 masculina pasará a ser sub 14 mixta, debido a que dous equipos pediron inscribir xogadoras e é unha idade na que a Federación Galega de Fútbol contempla tamén a competición mixta.
Descargar todas as imaxes