Escoitar

Os gañadores do Concurso de Piano do Náutico actúan mañá no Centro Cultural Caixanova ás 20 horas

Os gañadores e gañadoras do XII Concurso Peninsular de Piano do Real Club Náutico para intérpretes novos, que conta coa colaboración da Concellería de Cultura, actuarán mañá, 16 de xuño, ás 20 horas no Centro Cultura Caixanova. Segundo salienta o concelleiro Xesus López, o obxectivo deste concurso é difundir a cultura musical e apoiar o talento e a creatividade dos novos pianistas, promocionando as súas carreiras artísticas.

martes, 15 xuñ 2010
O programa da actuación desenvolverase en dúas partes; na primeira delas tocarán os premiados infantís Ema Lecomte, Sofía Haselgruber e Víctor Núñez e o premiado xuvenil Vasco Silva. Na segunda parte actuará o gañador senior Rafael Gómez, acompañado da Orquestra Vigo 430, dirixida por Alejandro Garrido.

Ademais de participar no concerto, os gañadores e gañadoras do concurso, que se celebrou os días 9, 10 e 11 de abril, recibirán premios en metálico e terán a oportunidade de gravar un disco.

O Concurso Peninsular de Piano do Real Club Náutico para intérpretes novos, que se celebra baixo a dirección artística do director do Conservatorio Superior de Música de Vigo, José Manuel Fernández, é un dos referentes dos concursos de piano de España e Portugal. Nos seus inicios, hai doce anos, o certame tiña un marcado carácter galego, pero tras a sinatura dun convenio coa Instituto Camoes, ampliouse a Portugal, e dende o ano 2008 ao resto da península.