Escoitar

O tenente de alcalde logra a unanimidade da asamblea do Spain Convention Bureau para a incorporación de Vigo

O tenente de alcalde e concelleiro de Turismo, Santi Domínguez, recolleu hoxe o apoio unánime da asamblea do Spain Convention Bureau para a incorporación da nosa cidade a este organismo de xestión de turismo congresual, de incentivos e de negocios. Esta incorporación, xa efectiva, permitirá a Vigo entrar nun circuíto internacional e beneficiarse de todas as accións de promoción que se desenvolven a través do Spain Convention Bureau para a captación de novos congresos.

venres, 18 xuñ 2010
1277105704bureau.JPG
O nacionalista defendeu diante da asamblea a candidatura de Vigo poñendo en valor o potencial que a nosa cidade ten para albergar calquera tipo de evento, facendo un repaso pola nosa experiencia na organización de acontecementos de nivel internacional de todo tipo. Aproveitou tamén a boa acollida que tivo a proposta viguesa para presentar a candidatura da nosa cidade para ser sede da Asamblea Anual do Spain Convention Bureau no ano 2012.

Na súa intervención, o tenente de alcalde indicou que Vigo aposta por incorporarse como socio de pleno dereito ao Spain Convention Bureu por ser unha entidade que axuda ás cidades a ofrecer un turismo de calidade como é o congresual. "É un turismo que axuda á desestacionalización do sector e, sobre todo, potencia os esforzos de internacionalización dun sector que claramente debe abrirse a novos mercados".

Santi Domínguez salientou o potencial económico e industrial da nosa cidade e dixo que o obxectivo é que desde estos ámbitos se creen sinerxias co turismo congresual e de incentivos. "O carácter industrial e competitivo fai de Vigo unha cidade cosmopolita e emprendedora, dúas características que tamén casan perfectamente co mundo do turismo de negocios", explicou. Ademáis indicou que o turismo, especialmente o congresual, "é unha industria, polo que no caso de Vigo non facemos outra cousa que continuar potenciando un dos elementos que nos define como cidade: a industria".

O tenente de alcalde explicou polo miúdo a oferta de Vigo en canto a capacidade hoteleira, que coas aperturas nos vindeiros meses de novos hoteis chegará ás 4.000 camas en establecementos de 5, 4 e 3 estrelas. "Nos últimos tempos incrementamos a nosa capacidade hoteleira ata posicionala ao nivel de calquera capital nacional", dixo.

Santi Domínguez detallou tamén os diferentes contentores que a cidade ofrece para a celebración das convencións. Indicou que, ao actual recinto feiral do Ifevi e os diferentes centros sociais e culturais que ten a cidade, sumarase no inicio de 2011 o novo Palacio de Congresos de Beiramar. Sinalou que "reforzará aínda máis a nosa oferta para poder captar calquera tipo de evento especializado".

A respecto das infraestruturas mencionou o feito de que Vigo ten tres aeroportos internacionais no radio dunha hora, un elemento determinante para a organización deste tipo de eventos. O tenente de alcalde asegurou que igualmente importante para a organización de congresos e reunións de negocios é ofrecer unha cidade acolledora, que ofrece aos seus visitantes unha ría incomparábel "coa mellor praia do mundo", unha rica e variada gastronomía e unha ampla e diversificada oferta cultural.
Descargar todas as imaxes