Escoitar

Santiago Domínguez di que hai que seguir esforzándose para conseguir consenso social e político arredor do PXOM

O tenente de alcalde, Santiago Domínguez, volveu facer este venres un chamamento ao consenso político e social para a aprobación do Plan Xeral. "A mellor garantía de que teñamos un PXOM seguro e que permita desenolver o modelo de cidade que deseña para a nosa cidade é que sexamos capaces de acadar o máximo consenso", sinalou.

venres, 23 nov 2007
1195828023pxomsanti231107.jpg
Santiago Domínguez fixo estas declaracións tras reunirse cos presidentes da Confederación de Empresarios de Pontevedra, José Manuel Fernández Alvariño, e da Cámara de Comercio, José García Costas, na rolda de conversas que está mantendo con todos os integrantes do Consello Sectorial de Urbanismo. "Pola nosa parte estamos facendo un esforzo moi importante para conseguir o consenso e en todas as reunións que estou mantendo o que sempre aflora é precisamente que ese consenso é necesario", explicou.

O tenente de alcalde dixo tamén que hai que traballar o que faga falta e explicar o que sexa necesario para conseguir chegar a ese obxectivo. A preguntas dos xornalistas sobre se será posible facer ese labor no prazo establecido do 31 de decembro, Santiago Domínguez asegurou que "se hai que retrasar unha semana a aprobación do PXOM para chegar a ese consenso, por nós non vai ser".

Con respecto aos cambios que o Bloque Nacionalista Galego demanda en nove ámbitos do PXOM, o tenente de alcalde explicou que se ten avanzado moito e só quedan "pequenas cuestións" que se poden pechar en breve. Salientou que o BNG está sendo flexible para chegar a un acordo, pero debe ser a Concellería de Urbanismo a que finalmente renegocie coa Consellería de Política Territorial o compromiso ao que se chegue.
Descargar todas as imaxes