Escoitar

Igualdade activa un contador dixital en Príncipe para indicar o número de mulleres mortas pola violencia de xénero

Co gallo da conmemoración do Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, que se celebra o 25 de novembro, a Concellería de Igualdade de Vigo instalou este venres na rúa do Príncipe un contador dixital que indica o número de mulleres mortas como consecuencia da violencia de xénero.

venres, 23 nov 2007
1195820666principe231107.jpg
O acto, no que tamén participou o tenente de alcalde, Santiago Domínguez, e a secretaria xeral para a Igualdade, Carme Adán, forma parte da campaña que está a desenvolver este departamento, dirixido pola nacionalista Iolanda Veloso, contra esta lacra social baixo o título "Na violencia de xénero non hai tregua".

"A cifra oficial a día de hoxe de mulleres mortas é de 69, unha muller máis das asasinadas durante todo o ano 2006", explicou a concelleira, quen expresou o apoio que o seu departamento presta á manifestación organizada pola Marcha Mundial das Mulleres, que sairá o domingo, día 25, ás 12.00 horas da praza de Urzáiz.

Pola súa banda, o tenente de alcalde, Santiago Domínguez, adiantou que a partir do 1 de xaneiro do vindeiro ano a Tenencia de Alcaldía porá en marcha un concurso no que poderán participar os estudantes dos centros de educación secundaria e institutos, presentando traballos sobre os métodos para loitar contra este tipo de violencia. O tenente de alcalde sinalou que contra a violencia de xénero é preciso loitar "todos os días e todas as horas", polo que considerou que o día 25 debe servir para espertar as conciencias, porque que haxa xa 69 mulleres mortas "é un escándalo".

"Quero falar como home que se avergonza dos homes que degradan esta condición", confesou Santiago Domínguez na súa intervención, ao tempo que sinalou que "no fondo, todos somos un pouco cómplices por non ser capaces de que as nosas fillas teñan os mesmos dereitos que os nosos fillos ou non rematar coa discriminación laboral".

Na súa intervención, a secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán, felicitou ás iniciativas postas en marcha polo Concello de Vigo dende a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Igualdade pola importancia que ten a loita contra a violencia de xénero dende a prevención e co traballo que se ten previsto desenvolver cos mozos e mozas. Ademais, manifestou a importancia do traballo conxunto entre todas as administracións e lembrou que a Lei Galega para o Tratamento da Violencia de Xénero, froito do consenso dos tres grupos políticos do Parlamento galego, reflicte o compromiso de toda a sociedade para rematar coa violencia que sofren as mulleres.
Descargar todas as imaxes