Escoitar

"Tardes e Noites Vivas" axudará aos mozos e mozas a independizarse

Esta fin de semana, dentro da programación de "Tardes e Noites Vivas", os mozos e mozas terán a oportunidade de facerse un pouco máis autónomos ao tempo que se divirten, aprendendo algunhas técnicas básicas para vivir sen depender dos seus pais.

venres, 23 nov 2007
Un dos obradoiros que van ter lugar é o chamado "Como vivir só e non morrer no intento". Os que participen nel poderán aprender algunhas técnicas básicas e truquiños fundamentais para poder vivir sen depender para todo dos pais.

"Tardes e Noites Vivas" tamén ofrece esta fin de semana outros obradoiros: de entremeses e canapés, zumes e batidos, preparación de cástings, masaxes, bonsais, malabares, escenografía e pintura para xogos de estratexia, chapas, pandeireta ou bailes e danzas. Dentro do mesmo programa tamén haberá actividades deportivas, xogos, acceso a internet ou unha sala onde estudar e preparar os exames.

Ademais, os mozos e mozas poderán participar no sorteo de 25 MP4, 20 marcos dixitais, 20 altofalantes con webcam e micro e tres bicicletas pregables.

A programación completa de "Tardes e Noites Vivas" pódese atopar na Casa da Xuventude (r/ López Mora, 31), no Punto Xove (r/ López de Neira, 27), no Espazo Xove do Castro (no monte do Castro, a carón da pista de bicicletas) e nos stands da Concellería de Xuventude nos diferentes centros comerciais, institutos, etc.

Máis información: Casa da Xuventude (r/ López Mora, 31), teléfono: 986 294 806, correo electrónico: xuventude@vigo.org.