Escoitar

A seguridade das zonas comerciais e do tráfico centrarán a campaña de Nadal da Policía Local

A Policía Local de Vigo prepara xa a súa campaña de Nadal, que se desenvolverá do 1 de decembro ao 6 de xaneiro cunha especial incidencia na seguridade das zonas comerciais, na regulación do tráfico nos puntos máis conflitivos e na intensificación dos controles de alcoholemia.

venres, 23 nov 2007
1195825764policianadal231107.jpg
O concelleiro de Mobilidade e Seguridade, Xulio Calviño, asegurou este venres durante a presentación da campaña que todas as seccións da Policía Local "van contar con todos os medios que van estar nas nosas mans" para levaren a cabo o seu traballo coa maior eficacia. Neste sentido, o concelleiro adiantou que se van reforzar a coordinación e a polivalencia do Corpo para facer fronte ao feito de que "o número de efectivos é enormemente reducido". O obxectivo, segundo afirmou Calviño, é conseguir "unha maior proximidade da Policía Local a todos os cidadáns".

Así, en primeiro lugar a presenza estática das patrullas de Seguridade Cidadá vaise incrementar, coincidindo coa maior afluencia de público, nas proximidades dos grandes centros comerciais situados nas zonas de Casablanca, Travesía de Vigo, Coia, Gran Vía, Príncipe e praza Elíptica.

Ademais, as patrullas de Seguridade Cidadá aumentarán o control da venda ambulante, decomisando a mercadoría cando proceda. En todo caso, as persoas que exerzan a venda ambulante serán avisadas sobre a prohibición desta actividade através da entrega dun impreso oficial.

Así mesmo, as patrullas de Seguridade Cidadá extremarán a vixilancia da venda de alcohol a menores. Doutra banda, segundo anunciou Xulio Calviño, este venres o alcalde asinará o bando que regula a venda de artefactos pirotécnicos de cara á temporada de Nadal.

Pola súa parte, a sección de motoristas e policía de proximidade dedicará unha atención especial á regulación do tráfico nos puntos que presentan máis problemas durante esas datas, especialmente os situados nas zonas de Gran Vía-Venezuela, Gran Vía-Ecuador, Gran Vía-Baixada ao Castaño, rotonda de Jenaro de la Fuente, Sanjurjo Badía e outros puntos de Casablanca. Ademais, realizaranse funcións de policía de proximidade nos sectores do Casco Vello, zona da praza de Compostela, zona de Príncipe, O Calvario, Teis e Coia.

Así mesmo, intensificaranse as revisións do multamóbil nas vías da zona de Casablanca, Travesía de Vigo, Gran Vía, Urzaiz, Camelias e Venezuela, entre Camelias e Gran Vía. En canto aos radares, prestarase especial atención ás avenidas da Florida, Citroën, Europa e Samil, así como a Beiramar e Gran Vía. Para completar o control do tráfico, o servizo de grúas contará con catro parellas dispoñibles de luns a venres pola mañá.

Por outra parte, a Patrulla Rural vixiará a sustración de árbores da Nadal no monte e a caza á beira das vivendas.

Finalmente, intensificaranse os controles de alcoholemia durante a noite e as primeiras horas da mañá, en previsión dun maior consumo de alcohol por parte dos condutores durante as datas que se aveciñan.

Descargar todas as imaxes