Escoitar

A Escola Superior de Arte Dramática terá novo edificio no curso 2007-2008

A alcaldesa, Corina Porro, mantivo hoxe venres no Concello un encontro coa conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, no que trataron, entre outros asuntos, a construción dun novo edificio para a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, a apertura de novas titulacións na Universidade e o mantemento dos colexios.

venres, 25 nov 2005
1132927956educacion2511.jpg
Tanto Corina Porro como Laura Sánchez Piñón coincidiron en que é necesario dotar a Escola Superior de Arte Dramática dun edificio emblemático. Actualmente, segundo afirmou Corina Porro, a Xerencia Municipal de Urbanismo traballa coa Consellaría na definición da parcela, que estará situada en Navia. A conselleira adiantou que este edificio poderá estar en funcionamento no curso 2007-2008, e que un dos catro millóns de euros que custará serán incluídos nos orzamentos da Xunta de 2006.

De acordo coa alcaldesa, este edificio podería albergar a Escola Superior de Danza de Galicia. A conselleira, pola súa parte, dixo non desbotar a posibilidade de que este centro teña sede en Vigo, se ben engadiu que este tema aínda debe ser estudado. Con todo, Laura Sánchez Piñón asegurou que polo de agora ningunha outra cidade demandou esta Escola.

Canto á apertura de novas titulacións na Universidade de Vigo, a conselleira lembrou que o mapa universitario está nestes momentos pechado, polo que "ata dentro de dous anos non poderemos falar" deste asunto. Neste sentido, Laura Sánchez Piñón cualificou de "interesante" a posibilidade, apuntada pola alcaldesa, de abrir un Centro de Deseño de Galicia en Vigo. A conselleira engadiu que se poderían crear tamén ciclos de Formación Profesional dedicados a esta especialidade.

Corina Porro e Laura Sánchez Piñón tamén trataron dos centros escolares de Vigo, mostrando a súa vontade de cooperar para mellorar o mantemento e a seguridade dos colexios, así como para buscar solucións aos problemas de xestión dos comedores.

A alcaldesa salientou o incremento do esforzo do Concello no mantemento dos colexios, que recibiu un millón de euros máis nos orzamentos deste ano, mentres que a conselleira se comprometeu a "reforzar" este investimento con fondos autonómicos nos próximos orzamentos da Xunta. Por outra parte, Corina Porro lembrou a colaboración do Concello coas ANPA’s para a xestión dos comedores escolares, a través dun convenio dotado con 193.000 euros. Laura Sánchez Piñón anunciou a aprobación dun novo decreto mediante o cal a Consellería mellorará o funcionamento dos comedores.

Por último, Corina Porro e Laura Sánchez Piñón centráronse no proxecto de bibliotecas de proximidade. Tanto a alcaldesa como a conselleira afirmaron que colaborarán para ampliar o número de centros escolares que contarán con estas bibliotecas, coa intención de convertelas en centros sociais para toda a poboación.
Descargar todas as imaxes