Escoitar

Concentración na praza do Rei co gallo do Día Internacional contra a Violencia contra as Mulleres

Membros da corporación local, traballadores do Concello e cidadáns de Vigo concentráronse hoxe venres na praza do Rei co gallo do Día Internacional contra a Violencia contra as Mulleres, para mostraren a súa repulsa ante esta lacra. <br />

venres, 25 nov 2005
1132928155concentracion1.jpeg

A concelleira da Muller, Lucía Molares, foi a encargada de ler a declaración do Concello de Vigo nesta data. Despois gardouse un minuto de silencio en memoria de todas as mulleres víctimas da violencia, que finalizou cos aplausos dos asistentes.

No que vai de ano, 68 mulleres foron asasinadas en España polos seus compañeiros e antigas parellas.

Manifesto

Dende os anos oitenta, o Día internacional contra a violencia que se exerce sobre as mulleres celébrase todos os días coma hoxe, os vintecinco de novembro, na honra das irmáns Mirabel, activistas asasinadas polo seu destacado papel contra a violencia.

A partires do 99 Nacións Unidas súmase a este recoñecemento e celebramos en todo o mundo unha xornada reivindicativa, coa que poñemos rostro e voz a unha das prácticas máis execrables e xeneralizadas da violencia: a que se exerce contra as mulleres.

Porque candomenos unha de cada tres mulleres en todo o mundo ten sido golpeada, coaccionada sexualmente ou ten sofrido outro tipo de abuso na súa vida. A violencia contra as mulleres e as nenas é un problema con proporcións de epidemia, quizáis a violación dos dereitos humanos máis xeneralizada das que coñecemos hoxe en día. Destroza vidas, racha comunidades e detén o desenvolvemento.

Na meirande parte dos casos, o custe humano da violencia contra as mulleres é invisible, aínda que temos progresado notablemente na concienciación da magnitude do problema. Sen embargo, a pesares deste progreso, o mundo de hoxe non é máis seguro que o de hai dúas décadas. Existe unha violencia crecente nas sociedades en xeral polo que as intervencións contra a violencia non serán eficaces ata que o nivel dos recursos empregados se equipare á magnitude do problema.

A violencia contra a muller é actual, xeneralizada, sistémica e, ás veces, autorizada. O desafío máis importante segue a ser chegar a conciencia de que se trata dunha violación dos dereitos humanos e un delito, e facer da violencia contra as mulleres algo absolutamente inaceptable.

Procede recordar hoxe e aquí, para refirmarnos nela, a declaración do Secretario Xeral de Nacións Unidas contra esta lacra. Kofi Annan dixo o pasado ano que "A violencia é quizáis a máis violenta violación dos dereitos humanos e quizáis a máis xeneralizada. Non coñece límites xeográficos, culturais ou económicos. Mentras continúe, non podemos afirmar que estemos logrando progresos reais cara a igualdade, o desenvolvemento e a paz"

Manteñamos agora un minuto de silencio na honra de todas as mulleres que nalgún momento da súa vida teñen sido víctimas da violencia. E recordemos co noso silencio a todas aquelas que a violencia as silenciou por sempre.
1132928155concentracion1.jpeg
1132928176concentracion2.jpeg
Descargar todas as imaxes