Escoitar

"Nosferatu o vampiro" pecha o ciclo "Músicas para o silencio" do Festival Are More de Vigo

O Auditorio do Concello de Vigo acollerá o vindeiro luns 28 de novembro, ás 20.30 horas, a última sesión do ciclo "Músicas para o silencio" que comezou o 7 de novembro no marco do Festival Are More de Vigo. Nesta ocasión, o Cuarteto de Corda Ephimere porá música película "Nosferatu o vampiro" do director alemán F.W. Murnau, unha adaptación da novela "Drácula" de Bram Stoker.

venres, 25 nov 2005
1132919251nosferatu.jpg
O ciclo ten acadado un gran éxito de público como o demostra que na sesión anterior rematáronse as entradas para presenciar a actuación. Neste sentido compre recordar que a taquilla do Auditorio do Concello péchase ás 19.45 horas.

"Nosferatu o vampiro", rodada en Alemania en 1922, narra as misteriosas mortes ocurridas nunha vila, atribuidas inicialmente á peste negra pero causadas polo conde Orlock. O cineasta F.W. Murnau (1888-1931), foi alumno e colaborador do director teatral Max Reindhart. Tras interromper a súa carreira por mor da Primeira Guerra Mundial, realizou algúns filmes propagandísticos dende Suiza. Xa de regreso a Berlín, desenvolveu unha interesante traxectoria como director de cine, malia que a maior parte da súa filmografía alemá dase por desaparecida: "Satanás", de 1920, "O Castelo de Vogeloed" de 1921, "O último" de 1924, "Tartufo o hipócrita" de 1925, e "Fausto" de 1926. Posteriormente viaxou a Estados Unidos, onde dirixiu "Amencer" de 1927, "Os catro demos" de 1923, "O pan noso de cada día" de 1930, e "Tabú" de 1931, o seu último traballo, estrenado pouco despois de morrer.

En canto á banda sonora que o Cuarteto Ephimere preparou para "Nosfertatu o vampiro", está baseada en música de Shostakovich e en temas compostos para a ocasión por Rosa Gayoso. O Cuarteto Ephimere foi creado hai cinco anos por catro profesores do Conservatorio Superior de Música de Vigo, todos eles cunha notable bagaxe previa na música de cámara. Dende entón, a agrupación ten realizado un intenso labor de divulgación e fieis a súa idea de trasladar a todo tipo de público o mesmo entusiasmo que eles senten polo repertorio existente para cuarteto de corda, ofrecen concertos por toda a xeografía galega, que cada vez suscitan uns maiores eloxios por parte da crítica e do público.

Ademais de colaborar asiduamente en actos con fins sociais, teñen realizado diversas gravacións discográficas, tales como a Suite Negra Sombra, a claboración no disco do grupo Malvela, promovido por Uxía Senlle, ou a banda sonora da curtametraxe "Despierta".

O seguinte concerto do Festival Are More terá lugar o vindeiro martes, na Parroquia-Santuario María Auxiliadora, onde a soprano María Cristina Kiehr e o barítono Furio Zanassi farán un percorrido musical polos mitos e o amor baixo o título "Apollo e Daphne".
Descargar todas as imaxes