Escoitar

O alcalde convida á cidade a participar no XXIX Maratón Fotográfico

Esta fin de semana, os días 4 e 5 de outubro, a cidade acolle unha nova edición do concurso de fotografía aberto á participación de adultos e cativos. As inscricións están abertas ata o 3 de outubro

martes, 30 set 2025

O XXIX Maratón Fotográfico de Vigo celébrase o 4 e 5 de outubro coa organización da Agrupación Fotográfica Galega e coa subvención do Concello. Na presentación celebrada este martes Abel Caballero puxo en valor o certame de “longa traxectoria e grande participación” e eloxiou o cartel deste ano que ten como protagonista ao ascensor Halo. Convidando á cidade a participar nesta nova edición destacou a “capacidade creativa e a improvisación” como retos das fotógrafas e fotógrafos que se suman a esta proposta.

Pola súa parte, Lino Escurís, secretario da Agrupación Fotográfica Galega adiantou as súas “boas impresións” ante esta edición na que esperan bater o récord de participación e destacou as categorías infantís e xuvenís do certame que permiten coñecer a visión da rapazada. Na rolda de prensa estiveron presentes tamén Gorka Gómez, concelleiro de Cultura; María Lago e Nuria Rodríguez, edís de Turismo e de Medio Ambiente, así como Alfonso Durán e Ángel Tourón, presidente e vicepresidente da Agrupación Fotográfica Galega, respectivamente.

A saída será este sábado día 4, ás 12 horas da mañá, con punto de saída desde a praza do Pobo Galego, onde se farán públicos os 4 temas sobre os que as persoas participantes deben traballar ao longo das seguintes 24 horas. Deberán retratar os temas propostos dentro dos límites do Concello de Vigo e entregar unha foto para cada un deles.

As inscricións están abertas ata o mércores 3 de outubro na web da Agrupación Fotográfica Galega https://agrupacionfotograficagalega.com/ e pode facerse tamén o mesmo día da maratón antes da saída.

As persoas participantes optarán a diferentes premios: 3 valorados en 1.800 euros, 3 accésits, un Premio Xuvenil Óptica Studio e 4 premios infantís para menores de 14 anos que gozarán dun curso de fotografía. Posteriormente, tódalas fotografías que formen parte do certame expoñeranse na Casa Galega da Cultura onde se fará público o veredicto do xurado.

 

 

 

Descargar todas as imaxes