Escoitar

Vigo incorpora o brazo articulado de bombeiros máis alto de España

O novo vehículo, cun investimento de 1,1 millóns de euros, acada os 64 metros de altura e permitirá intervir en edificios de ata 20 andares. Durante a tarde realizarase un exercicio de funcionamento da nova escaleira.

martes, 30 set 2025

Abel Caballero, anunciou a adquisición dunha nova escada de bombeiros articulada, a máis alta e avanzada dispoñible actualmente en España. O investimento ascende a 1.100.000 euros e dotará a cidade dun recurso único para a atención de emerxencias en altura.

O novo vehículo alcanza os 64 metros de altura, superando ao anterior –que tamén era o máis alto do país no seu momento–, que contaba con 55 metros. Grazas á súa capacidade de articularse en horizontal, permitirá o acceso a zonas de difícil alcance e garantirá operacións de rescate ou intervención en calquera edificio de Vigo, mesmo nos de ata 20 plantas. “Con este brazo articulado, os bombeiros de Vigo poderán operar en calquera edificio da cidade no caso de ser necesario”, salientou Caballero.

Ademais desta incorporación, o rexedor lembrou que este ano se inaugurou o novo parque de bombeiros Sergio Sanlés, na zona de Tomás Alonso, e que a finais de 2025 se engadirán seis novos vehículos cun investimento próximo ao millón de euros.

En materia de persoal, o alcalde informou de que as OPES 2021, 2022 e 2023 achegarán 33 novos efectivos que realizarán as prácticas proximamente e se incorporarán de xeito definitivo ao corpo a comezos de 2026. Así mesmo, este ano a Relación de Postos de Traballo (RPT) ampliarase en 11 efectivos, aos que se sumarán 10 novas prazas en 2026.

En palabras de Caballero, “a mellor dotación de material e unha magnífica formación nos bombeiros da cidade de Vigo”.

Descargar todas as imaxes