Escoitar

A Corporación actualiza os impostos municipais

A Corporación Municipal acordou hoxe, con 19 votos a favor dos edís do PSOE e 8 en contra dos grupos municipais do PP e do BNG, a actualización nun catro por cento do IBI e o IAE, así como dos prezos públicos das escolas municipais de música e de artes escénicas e das instalacións deportivas municipais.

luns, 29 set 2025

O concelleiro de Orzamentos e Facenda, Jaime Aneiros, explicou no Pleno ordinario de setembro, celebrado hoxe pola Corporación Municipal de Vigo, que o aumento dun 4 por cento dos impostos, que se enmarca no proceso de elaboración dos Orzamentos de 2026, ten lugar tras dous anos de rebaixas de impostos, en 2019 e 2020, e outros 3 de conxelación, nun escenario de incremento dos salarios, do IPC e da inflación, “ que equivale á redución da presión fiscal  do Concello de Vigo en 9 puntos porcentuais”.

Aneiros recalcou que a actualización ten por obxectivo garantir ingresos para financiar con importantes aumentos o gasto corrente. “Esta actualización non é máis ca unha forma de dar cobertura a ese gasto a través de ingresos correntes para garantir os servizos públicos de calidade. Aneiros incidiu en que a actualización impositiva se rexistra en paralelo ao mantemento “do importante volume de beneficios e reducións fiscais”, entre os que destaca as 300 familias numerosas que contan con redución do IBI dentro dos 5 millóns de bonificacións deste imposto. Ademais, das 40.000 actividades económicas só pagan o imposto 4.754 negocios, co que máis de 35.000 empresas contan con apoio municipal.

O edil lembrou que 3.800 familias contan cunha taxa de lixo bonificado; que nas escolas artísticas os apoios superan o 85 por cento, cun custo de máis de 1 millón de euros, e benefician a 710 usuarios e que as subvencións ás escolas deportivas contan con bonificacións que ascenden a 9,7 millóns de euros.

O edil reseñou que o Concello preparou o Orzamento de 2026, que entrará en vigor o 1 de xaneiro, con 345 millóns, 10 millóns máis que este ano, con débeda cero, e apuntou que a actualización impositiva se produce mantendo a presión fiscal máis baixa dos concellos galegos “que unida á débeda cero permítenos achegar todos os recursos para a cidadanía”.

Jaime Aneiros incidiu en que o goberno da cidade está a reforzar todos os servizos municipais: limpeza, transporte, instalacións deportivas, Servizo de Axuda no Fogar, o programa Xantar na Casa e as bolsas e axudas municipais, entre outras. Lembrou tamén que o Concello acaba de incorporar 72 millóns de euros dos remanentes municipais para executar importantes proxectos.

Descargar todas as imaxes