O Concello insta á Xunta a axilizar as autorizacións dos proxectos de Vigo
O Pleno da Corporación Municipal de Vigo acordou hoxe, con 16 votos a favor dos edís socialistas, 5 en contra do grupo municipal do PP e 3 abstencións dos concelleiros do BNG, instar á Xunta de Galicia a poñer fin aos atrancos dos proxectos de Vigo, a axilizar as autorizacións dos proxectos expostos polo Concello que seguen pendentes, así como a abandonar a política de obstrución mantida nos últimos anos pola Xunta. Carmela Silva, trasladou aos edís do PP o malestar de numerosos concellos de Pontevedra polo atraso dos informes de Patrimonio Histórico da administración galega.

O segundo tenente de alcaldía, Javier Pardo, denunciou no Pleno de hoxe os “atrancos” da Xunta aos proxectos expostos polo Concello de Vigo. “Desde 2009, coa entrada do PP na Xunta, e ao longo destes 16 anos, o goberno autonómico distinguiuse por castigar a Vigo e á súa cidadanía”, afirmou o edil ao asegurar que esta situación se materializa na débeda histórica acumulada coa cidade. “Más de 3.025 millóns de euros, contando os 400 millóns do Hospital Álvaro Cunqueiro, que nos corresponderían polo 11 por cento da poboación”, afirmou Pardo.
O edil sinalou que entre os exemplos “máis sanguentos” atópanse a segunda fase da construción das ramplas da Gran Vía e o proxecto da praia do Vao, que expoñen “a inquina do goberno do PP con Vigo” e cos proxectos do Concello para mellorar “a calidade de vida da cidadanía”.
Pardo apuntou a preocupación polos atrasos nas autorizacións da administración autonómica para desenvolver iniciativas municipais “vitais para o desenvolvemento e calidade de vida da cidadanía de Vigo”.
Malestar
Ao aprobar da moción socialista, a primeira tenente de alcalde, Carmela Silva, trasladou ao grupo municipal popular o “malestar” expresado por numerosos concellos polos problemas que xera o atraso, de meses, na emisión dos informes de Patrimonio Histórico da Xunta, que cualifica como “intolerable” polos danos que xera tanto á administración local como a cidadáns con iniciativas privadas. “É unha crítica xeralizada dos concellos porque é un problema grave que deberiamos resolver”, afirmou Silva.
Convenio Deputación
Os grupos municipais do PSOE e do BNG apobaron este luns a moción dos edís socialistas coa que instan á Deputación de Pontevedra a fixar en 6,5 millóns de euros anuais o convenio entre as administracións local e provincial. O portavoz socialista Carlos López Font afirmou que mentres a Deputación de Pontevedra “presume” de incrementar” as achegas de financiamento aos concellos, afirmando que son investimentos récord, “nega a vigo a actualización do importe do convenio”