O Pleno reclama á Xunta que apoie o Plan Estatal de Vivenda cofinanciando os programas
O grupo municipal socialista defendeu tamén unha moción instando ao Ministerio de Sanidade a manter o exame MIR na cidade e demandando á Xunta que comunique ao Ministerio a vontade de rectificar a súa posición e defender a cidade como sede.

Cos votos socialistas favorables e os votos en contra do PP e o BNG, este luns o Pleno instou á Xunta de Galicia a apoiar o Plan Estatal de Vivenda 2026-2030, cofinanciando todos os programas previstos no mesmo.
A concelleira de Urbanismo, María Xosé Caride expuxo que o obxectivo do plan é resolver a situación do mercado da vivenda en España que presenta unha oferta insuficiente, un parque residencial avellentado e unha crecente dificultade de acceso, especialmente para a mocidade e as clases medias e traballadoras.
A moción socialista recolle a necesidade de que o goberno autonómico blinde o parque de vivenda protexida, asegurando a permanencia indefinida da cualificación protexida para evitar as desclasificacións do pasado así como a urxencia de implantar o sistema único de información e xestión dos datos de vivenda para facilitar a avaliación do mercado con datos homoxéneos e coñecer a eficacia das medidas adoptadas. O texto esixe tamén que a Xunta promova os cambios lexislativos precisos para permitir o desenvolvemento de novas solucións habitacionais temporais como o co-housing, co-living, vivendas interxeracionais ou similares e que garanta a distribución territorial dos fondos do Plan de xeito que o financiamento público de vivenda en Galicia se realice en función do peso dos demandantes de vivenda protexida.
Exames MIR
Na sesión plenaria deste mes de setembro aprobouse tamén a moción socialista defendida por Elena Espinosa instando ao Ministerio de Sanidade a que adopte a decisión de manter a Vigo como sede oficial para a celebración do exame MIR garantindo así a descentralización, accesibilidade e equidade no acceso ás probas selectivas do Sistema Nacional de Saúde.
Ademais, ínstase ao Conselleiro de Sanidade a que solicite formalmente e por escrito ao Ministerio de Sanidade a convocatoria da Comisión Nacional de Recursos humanos do Sistema Nacional de Saúde, indicando claramente que é a sua intención rectificar a posición mantida na reunión celebrada no mes de xullo e defender que Vigo sexa sede dos exames MIR. A moción quedou aprobada cos fotos favorables dos socialistas e nacionalistas e co voto en contra do PP.