Escoitar

O alcalde convida á cidade a asistir á representación teatral de Adicam

ADICAM, a Asociación de diagnosticadas de cancro de mama e xinecolóxico presenta o vindeiro xoves, 2 de outubro, “Farsas contemporáneas”, no Auditorio Municipal.

venres, 26 set 2025

O alcalde avanzou que será “unha obra excepcional” e convidou “a todo Vigo a que veña ao Auditorio para sumarse a esta causa tan importante”. Representada polo grupo “Ensaio clínico… teatral”, formado por cinco pacientes de cancro e cinco familiares, representarase no Auditorio Municipal, ás 20 horas, o vindeiro xoves 2 de outubro.

Na presentación da acción, con motivo do Día Internacional do Cancro de Mama, participaron Olga Sotelo Pastoriza, presidenta de ADICAM; Laura Porral Querol, traballadora social; José Antonio Arbe Serrano, director da obra e María Álvarez Díaz, paciente que participa na obra. A presidenta da entidade agradeceu a cesión do espazo ao Concello e ás persoas participantes na obra o seu esforzo e implicación neste proxecto. O aforo é limitado, pódese recoller a invitación nas sedes de Adicam

O director da obra explicou que “o teatro é unha axuda para todos, para ocupar o tempo libre e para axudar ao noso corpo”. “Farsas contemporáneas” é unha peza escrita en 1969 por Antonio Martínez Ballesteros, un dos expoñentes do teatro protesta e paradoxo do século pasado no noso país.

 


ADICAM, a Asociación de diagnosticadas de cancro de mama e xinecolóxico nace en Cangas en 2001 coa misión de mellorar a calidade de vida das persoas diagnosticadas de cancro de mama ou xinecolóxico e teñen sede en Vigo, na rúa Oliva, ademais de en Cangas, Pontevedra e Moaña.

Descargar todas as imaxes

Máis información