Tribuna contará con 16.000 espectadores nunha grada única e continua
O estadio municipal de Balaídos contará con 43.000 asentos, unha vez rematada a ampliación de Tribuna que xa está en marcha. Esta grada, única e continua, suporá un retranqueo de 30 metros sobre a actual bancada e permitirá cumprir os requisitos FIFA para que Vigo sexa sede do Mundial.

O alcalde deu conta esta mañá dos avances na construción da nova grada de Tribuna que contará con 16.000 asentos o que dotará ao estadio dun aforo 43.000 espectadores e, consecuentemente, permitirá cumprir os requisitos da FIFA para ser sede do Mundial 2030. “Non é un proxecto, xa estamos con toda a tramitación para a reforma física de Tribuna”. Nesa liña, avanzou que hoxe mesmo, o Concello enviou o proxecto a Augas de Galicia para que autoriza unha actuación ao tratarse o perímetro de Balaídos dunha zona de río.
Caballero detallou que Tribuna será unha grada única e continua que arrancará a 5 metros do céspede para prolongarse 30 metros cara atrás da actual estrutura. Deste xeito, a nova bancada suporá un retranqueo de 30 metros e será moito máis elevada. O deseño arquitectónico manterase en concordancia coa do estadio porque é “o éxito do século”, dixo, anunciando que o próximo paso será a retirada de dous colectores do perímetro de Balaídos para poder acometer a ampliación.
Esta iniciativa “é a garantía do mundial”, xa está moi avanzado o anteproxecto, dixo, polo que estará rematado en tempo e forma. “Magnífica visibilidade e moita verticalidade, alcanzando as cifras requiridas por FIFA segundo a súa propia contabilidade, tal e como se lle recoñece a outros estadios aspirantes como Valencia ou A Coruña. A este respecto, o rexedor anunciou que lle enviará ao presidente da RFEF, Rafael Louzán, o proxecto “para non volva falar dun aforo de 27.000 espectadores en Balaídos porque serán 43.000”.