O Concello envía a Augas de Galicia o novo perímetro de Balaídos contemplando a ampliación de Tribuna
O alcalde respondeu esta mañá ás verbas de Rafael Louzán, presidente da Federación Española de Fútbol, explicando que “ten no seu despacho o proxecto da reforma do estadio con todo o que imos realizar ampliando a Tribuna”.

“Vigo vai estar no Mundial 2030”, afirmou con contundencia Abel Caballero, nunha intervención na que anunciou que o Concello de Vigo enviaralle esta semana a Augas de Galicia “o novo perímetro de Balaídos contemplando a ampliación de Tribuna”. Trátase dun paso esencial no proceso de transformación, ante a proximidade do estadio municipal ao río Lagares.
Caballero quixo dar resposta ás declaracións do presidente da Federación Española de Fútbol, Rafael Louzán e explicou que “o estadio, ao rematar Gol, estará por enriba de 30.000, non en 27.000, e Louzán que é de aquí sábeo”, e indicou que “cando fala do aforo ten no seu despacho o proxecto da reforma do estadio con todo o que imos realizar reformando Tribuna”.
Tamén incidiu o alcalde en que cando o presidente da RFEF se refire “a outros estadios que non teñen ese aforo, xa lle computa os espectadores do proxecto, en Balaídos non. Vigo conta cun proxecto serio que superará todos os requisitos que esixe a FIFA en canto ao aforo para ser sede do Mundial”, afirmou.

