Escoitar

Vigo comeza a montaxe dos grandes elementos luminosos do Nadal

Abel Caballero asistiu esta mañá ao inicio da instalación da caixa xigante de regalo que formará imaxes completamente novas nun Nadal que contará con máis espazos na cidade: “Máis adiante anunciarei como, cando e onde”.

martes, 23 set 2025

A caixa de regalo, que ten 17 metros de alto, 9 de ancho e 15 de profundidade, está conformada por 79.000 luces led de colores “o que permite facer un xogo de cores con formas e combinacións para formar imaxes completamente novas”, declarou o alcalde. Así, Vigo inicia a montaxe deste gran elemento luminoso que durará dous días e xa avanzou que o seguinte será o boneco de neve.

Caballero lembrou que a iluminación do Nadal de Vigo contará con máis de 11,5 millóns luces led en 420 rúas e prazas da cidade. Haberá 1.161 arcos ornamentais, 2.883 motivos ornamentais e 2.667 árbores iluminadas, amais da árbore xigante con espectáculo de luz e son en Porta do Sol e o bosque. Tamén enumerou 50 unidades de elementos lumínicos 3D (duns 3 metros de alto), o Belén Monumental da Casa das Artes, a Casa de Papá Noel e o Carteiro Real e conxuntos de elementos para ornamentación de mercados, paraugas de luces en prazas, rotondas, cruces de rúas, pérgolas, elementos escultóricos, edificios municipais (Casa Galega da Cultura, Casa das Artes) e elementos de gran porte transitables.

Tal e como explicou o alcalde, haberá ornamentación con elementos figurativos lumínicos: 13 sets decorativos en diferentes rúas, 6 instalacións decorativas lumínicas transitables de gran porte (Policarpo Sanz, Gran Vía, García Barbón...) e 12 instalacións decorativas non transitables de porte medio en Príncipe, Policarpo Sanz, Vía Norte, Urzáiz e García Barbón.

Amais, Caballero puxo de manifesto a importancia do Nadal, con actividades de dinamización en todas as zonas comerciais da cidade, que Samil xogará un papel importante neste eido e que avanza a licitación dos mercados de Nadal no Calvario e Bouzas.

“Haberá unha área nova de Nadal. Cada vez temos máis visitantes e por iso estendemos os lugares. O ano pasado ampliamos ata o Paseo de Alfonso XII e foi un éxito”. Caballero non deu máis detalles e avanzará proximamente este espazo para o desenvolvemento do Nadal.

Descargar todas as imaxes