O Concello e a UNIR traballarán conxuntamente para combater a soidade non desexada
Abel Caballero e o reitor da Universidad Internacional de La Rioja asinaron este martes o convenio de colaboración para abordar de forma coordinada as causas estruturais da soidade non desexada e mitigar o impacto no benestar da poboación.

O Concello de Vigo e a Universidad Internacional de La Rioja firmaron hoxe un convenio de colaboración para traballar de forma coordinada no proxecto de transferencia “Soledad no deseada en personas mayores: herramientas de detección y protocolos de intervención social”, financiado integramente pola entidade educativa.
Trala sinatura, o alcalde amosou a súa satisfacción polo acordo coa UNIR e agradeceu a elección da cidade para formar parte deste proxecto de investigación. “Ofrecerá un desenvolvemento importante do fenómeno das persoas maiores que viven soas e ás que lles gustaría vivir acompañadas e ampliar as súas relacións sociais. Axudaranos ao coñecemento da soidade non desexada, á súa prevención e solución”.
O reitor de UNIR, José María Vázquez García-Peñuela, asegurou que “a soidade non desexada converteuse nun desafío do noso tempo. Pasou de ser obxecto de estudo académico a integrarse nas axendas de asuntos públicos grazas, en gran parte, á evidencia científica que demostrou as súas graves consecuencias para a saúde de moitas persoas”. “Desde o ámbito universitario sabemos a importancia da evidencia científica para abordar temas de preocupación social como a soidade non desexada. Un problema de primeira orde que require unha resposta coordinada desde as institucións e a comunidade científica para abordar as súas causas estruturais e mitigar o seu impacto no benestar da poboación”, engadiu.
O proxecto desenvolverase en colaboración con profesionais dos servizos de Política Social do Concello que constitúen o primeiro nivel de acceso da cidadanía aos servizos sociais e son os que mellor coñecen o contexto local, as problemáticas que afectan ás persoas maiores, as súas contornas familiares e as dinámicas sociocomunitarias nas que viven.
O impacto innovador deste proxecto céntrase no desenvolvemento dunha ferramenta de detección sobre a soidade non desexada en persoas maiores que teña en conta a evidencia científica e o coñecemento profesional, ademais de incluír variables sociodemográficas, contextuais e estruturais. Tamén se elaborará unha Guía metodolóxica para Servizos Sociais Comunitarios, que actualmente é demandada polos profesionais da intervención social. Desta forma desenvolverase e implantará un protocolo integral de atención ante a soidade non desexada en persoas maiores, que pode ser reproducido noutras localidades xeográficas. O investigador principal do proxecto é Santiago Prado Conde, quen estivo presente hoxe na sinatura.
O proxecto terá como ámbito de actuación o municipio de Vigo, seleccionado pola súa relevancia demográfica como o núcleo urbano máis poboado de Galicia e pola súa configuración territorial singular, que combina un extenso tecido urbano e unha contorna rural. Esta diversidade territorial permitirá analizar a soidade non desexada en contextos sociodemográficos diferenciados. Así mesmo, o Concello de Vigo desenvolveu iniciativas innovadoras en materia de coidados comunitarios, como o programa pioneiro "Coidadoras e coidadores de barrio", que evidencian o seu compromiso coa abordaxe de problemáticas sociais emerxentes.
Trátase dun proxecto que transfire coñecemento e cuxo principal valor diferencial é que propón unha innovación que pasa dun modelo reactivo a un proactivo de detección e intervención, xerando coñecemento aplicado e transferible que permitirá optimizar recursos sociosanitarios en prol do benestar poboacional. Nesta investigación tamén participan a Dra. Marta Caballero García de UNIR, e a Dra. Carmen Verde Diego e a Dra. Iria Vázquez Silva do Grupo de Estudos en Traballo Social: Investigación e Transferencia da Universidade de Vigo.

