Vigosónico sumou máis de 1.700 participantes ao longo de 2024
“Vigosónico, Distrito Creativo” ofrecerá ata final de ano, de forma totalmente gratuíta, cursos para producir música desde a casa, crear podcast, así como con ferramentas dixitais, entre outras actividades. Durante 2024 máis de 1.700 mozas e mozos participaron nos distintos cursos e actividades, segundo destacou este martes Abel Caballero. ”No proxecto da música e da aprendizaxe, Vigosónico está a desenvolver un marabilloso papel, cun éxito excepcional”, destacou o alcalde.

O alcalde avanzou hoxe a programación de Vigosónico ata decembro. Comezará o día 3 de outubro cun taller práctico, dirixido por Rafael Solemne, sobre produción de música urbana en home estudo no que o alumnado aprenderá a crear beats, gravar voces e producir cancións desde a súa casa. As sesións desenvolveranse os martes 3, 10, 17 e o venres 24 de outubro.
As actividades de novembro arrincarán o sábado 8 coa conferencia-concerto sobre a música dos Beatles, a cargo de Francisco Castro. O escritor realizará un percorrido pola música da formación británica a través da análise das 15 cancións máis emblemáticas. A estas sumaranse a sesión formativa de Yolanda Anievas sobre como realizar a mestura dunha canción con software e un taller práctico de podcasting co uso de Zoom PodTrack P8.
En decembro, Isabel Balado impartirá un curso de improvisación vocal e coro Equivibrarte para iniciar ao canto coral. As instalacións do parque tecnolóxico de Valadares tamén acollerán “Vigosónico xoga”, con Andrea Bretín, con encontros internacionais ao redor dos xogos de mesa, e o segundo encontro VigosónicoK-Pop, música de baile.
Balance 2024
Caballero apuntou que en 2024 un total de 1.700 persoas participaron nas actividades e cursos programados.
As salas deron cabida a 91 bandas e artistas locais, rexistrándose preto de 1.000 ensaios e incrementándose nun 29 por cento a participación feminina.
A academia de formación na interpretación de instrumentos formou a 240 alumnas e alumnos, con 2.280 horas de formación. O calendario do campus despregou 21 talleres nos que participaron 654 persoas que se formaron en produción musical, intelixencia artificial e xestión de festivais.
A sala multiusos acolleu 1.060 asistencias e o laboratorio de creación e industria musical reuniu no mes de xullo a 45 mozos co reto de formar bandas e deseñar proxectos musicais.
“Unha infinidade de actividades de mozos que fan música e que significa que hai unha incorporación masiva de mozas a producir música a través de Vigosónico e convido a toda a mocidade e grupos da cidade” para utilizar as instalacións municipais de forma totalmente gratuíta, afirmou o rexedor. “O único lugar destas características en toda Galicia”, recalcou.