Escoitar

O Concello reclama á Xunta o financiamento do cen por cen do Servizo de Axuda no Fogar

Abel Caballero remarcou hoxe o apoio continuado do Concello ás persoas que necesitan asistencia fronte ao deficiente financiamento do Servizo de Axuda no Fogar, SAF, por parte da Xunta. Explicou que, en función do custo de cada hora de atención aos dependentes, a administración municipal afronta a maior porcentaxe do financiamento, á vez que demanda á Xunta que asuma o cento por cento do custo do SAF por tratarse dun tema da súa competencia.

xoves, 25 set 2025

O alcalde incidiu hoxe que, en función do custo de cada hora establecida no novo contrato do Servizo de Axuda no Hogar ata 2028, cifrado en 24,7 euros, a administración municipal afronta preto de 13 euros, o Goberno de España 7 euros e a Xunta 5 euros.

“No sistema de dependencia o Concello de Vigo paga por cada hora de atención a persoas dependentes case 13 euros e a Xunta 5 euros. É un escándalo porque a competencia é da administración galega e non quere pagar. Todos os incrementos pagounos o Concello porque a Xunta mira para outro lado e a dependencia e a axuda no fogar non vai con eles”, remarcou o rexedor.

Caballero recalcou a reclamación do Concello de Vigo á Xunta para que aumente o financiamento e “pague a totalidade do servizo porque é a súa competencia e obrigación”.

Axudas de emerxencia

Caballero explicou que a comisión de axudas de emerxencia desta semana aprobou a concesión de 71 apoios por 19.803 euros. Destas, 22 destínanse a alimentación por 5.225 euros; 25 para vivenda por 10.000 euros; 16 para gastos de subministracións por 964 euros; 3 para prótese por 1.709 euros; 2 para melloras de habitabilidade e mobiliario de primeira necesidade por 1.765 euros e 2 para gastos médicos por 1.709 euros.

Desde xaneiro o Concello aprobou 2.643 axudas de emerxencia por un importe de 791.792 euros.