O Concello iniciará en outubro a renovación da cuberta da Pista Vermella das Travesas
A renovación da cuberta da Pista Vermella comezará este mes de outubro cun orzamento de 250.000 euros. Os clubs que utilizan esta instalación xa teñen asignados outros espazos para desenvolver a súa actividade deportiva durante o período que duren as obras.

O alcalde anunciou esta mañá o inminente inicio da renovación da cuberta do pavillón polideportivo Pista Vermella das Travesas. Cun orzamento superior aos 250.000 euros, a nova estrutura, que contará con dous lucernarios, substituirá toda a superficie do tellado actual que está afectado por oxidacións xeralizadas en mal estado.
Estes traballos, explicou Caballero, serán compatibles co desenvolvemento da actividade deportiva no resto dos recintos do complexo e os clubs que usaban a Pista Vermella xa teñen asignados outros espazos mentres se executen as obras. Caballero lembrou que o ano pasado xa se substituíu o céspede das Travesas e a pista perimetral cun investimento de 350.000 euros.
Campo Sárdoma
Ademais, o Concello iniciou a principios deste mes a reparación do talude perimetral no club do Sárdoma Moledo cun orzamento de 720.000 euros. Tal e como explicou Caballero, o campo das Relfas foi mal construído e agora é preciso afianzar o firme de forma definitiva. O obxectivo dos traballos é estabilizar o terreo que rodea a instalación e evitar os problemas de afundimento nos extremos do campo coa reposición dos firmes danados. Ademais, no verán comezará a renovación dos vestiarios cun sistema modular, engadiu Caballero.