O goberno local aproba a modificación do proxecto do ascensor entre Hispanidade e Romil
A Xunta de Goberno Local vén de dar luz verde á modificación do proxecto das obras de humanización da Avenida da Hispanidade, entre Amor Ruibal e Feliciano Rolán, ao detectar o deterioro do muro de contención sobre o que ía sosterse o ascensor.

Tal e como explicou o rexedor, a obra tivo que pararse ao comprobar que o muro de contención, onde estaba previsto que se apoiase o ascensor que comunicará Hispanidade e Romil, ““estaba seriamente danado”. Foi preciso modificar o proxecto de obra vixente, o paso que aprobou este venres a Xunta de Goberno Local, xa que os técnicos detectaron a falta de cimentación no muro. Como consecuencia, o ascensor quedará retranqueado xa que non pode quedar apoiado nesa parede, tal e como estaba previsto.
Esta modificación do proxecto permitirá que o goberno municipal retome “unha gran obra de humanización”, apuntou Caballero, que na superficie de Hispanidade está “practicamente terminada”, a falta da conexión en vertical a través do ascensor que contará cunha pasarela de desembarco á altura de Hispanidade. Este novo elemento do programa Vigo Vertical seguirá completando o corredor mecánico desde Beiramar á parte alta de Hispanidade.
A humanización de Hispanidade, entre Amor Ruibal e Feliciano Rolán, ten un orzamento de 1.439.000 euros e conta co financiamento do Goberno de España, 945.528 euros, de Fondos Next Generation UE. Renovaranse 170 metros da rúa con novos pavimentos, novas beirarrúas, cambio das redes de saneamento, abastecemento e pluviais, novas canalizacións dos servizos para soterrar a iluminación pública e semáforos, nova sinalización e redes de rega, novo mobiliario urbano, luminarias, xardinería vexetal e arbórea e elementos decorativos.



