Acordo unánime da Corporación para reclamar á Xunta a creación da facultade de Medicina
A Corporación Municipal aprobou hoxe por unanimidade a moción do grupo socialista demandando á Xunta a creación “inmediata” da facultade de Medicina na Universidade de Vigo. “Teño unha enorme satisfacción de que este acordo se aprobe por unanimidade”, destacou o alcalde ao afirmar que “todo o mundo vai tomar nota” da reclamación e de que Vigo é “a cidade de España mellor posicionada” para contar cunha nova facultade de Medicina.

Os tres grupos municipais da Corporación sumaron este xoves os seus votos para urxir á Xunta a crear unha facultade de Medicina e a habilitar nos orzamentos da administración autonómica de 2026 unha partida superior a 5 millóns de euros para poñer en marcha a demanda histórica de Vigo.
“Alégrome profundamente de que esta proposta saia por unanimidade. É unha moi boa noticia”, afirmou o alcalde ao recalcar que entre os argumentos de peso para a reivindicación de Vigo destaca que é a única das grandes cidades españolas que carece de facultade de Medicina. “Somos a décimo cuarta cidade en poboación e as trece anteriores ten unha facultade”, dentro dun sistema docente nacional con 57 universidades, incidiu.
“Asístenos a razón obxectiva na comparación de onde hai facultades de Medicina”, recalcou Caballero no Pleno de hoxe.
Abel Caballero lembrou que o proxecto inicial o Hospital Álvaro Cunqueiro presentado durante o mandato de Emilio Pérez Touriño, en 2007, incluía un espazo para a docencia porque xa contemplaba a creación dunha facultade de Medicina en Vigo que desapareceu no deseño e construción final. “Agora hai que volvelo a crear porque Vigo vai ter facultade”.
Oposición
A portavoz do grupo municipal, Luisa Sánchez, afirmou que se o pacto entre a Xunta e os reitores das universidades galegas “se vulvenra, exércese a unilateralidade, incúmprese a palabra dada, e non se respecta o mapa de titulacións, entramos nun escenario absoltamente novo e aí a cidade de Vigo esixirá o que a súa capacidade lle faculta para ter, que a nosa cidade conte cunha facultade de Medicina”.
O portavoz do BNG explicou que o voto a favor da moción do seu grupo municipal é un “si para expresar o noso apoio a que cando se abra a revisión do mapa de titulacións Vigo non quede fóra”.