Escoitar

A Vigo Cup 2025 chega con récord de días, equipos e participantes

As dependencias municipais albergaron esta mañá a presentación do torneo, que se desenvolverá do 13 ao 29 de xuño, en dúas fases: o fútbol sala, de 13 a 22 de xuño, e o fútbol 7 e fútbol 11, do 23 ao 29 de xuño.

mércores, 11 xuñ 2025

“Estou moi orgulloso do que somos capaces de organizar, un torneo das características da Vigo Cup”, sinalou Caballero, explicando que un verán máis a cidade acolle o torneo de fútbol base máis multitudinario tanto en duración como en participación de todo o Estado. Nesta edición a competición alongarase ata os 17 días continuados, xa que se celebrará do 13 ao 29 de xuño, en dúas fases: o fútbol sala, de 13 a 22 de xuño, e o fútbol 7 e fútbol 11, do 23 ao 29 de xuño. Serán un total de 15 categorías, diferenciadas por idade.

Participarán 295 equipos entre as tres modalidades, unha cifra de récord, xa que son 11 escuadras máis que na edición de 2024, que marcaba o anterior fito. Estes 295 equipos pertencen a 46 clubs, “a maioría de Vigo e contorna” pero tamén “teremos un equipo de Sevilla, o San Roque Balompé e o Fursan Hispania de Dubái”. En total, a Vigo Cup 2025 terá máis de 5.000 participantes entre xogadores, técnicos e árbitros, logrando tamén o récord histórico.

O sistema de competición é de liguiña inicial e coas posteriores eliminatorias, disputándose en 13 campos de fútbol e 6 pavillóns da cidade. O complexo de Navia será epicentro dos partidos decisivos, coa novidade de que as finais de fútbol 7 e fútbol 11 contará con streaming e narración en directo. O Concello patrocina o torneo, facilitando a inscrición gratuíta, polo que non ten custo para os clubs.

Descargar todas as imaxes