O alcalde reclama á Xunta que active a demanda histórica das gardas de 24 horas nos xulgados de instrucción de Vigo
Abel Caballero lembrou este mércores as xestións e contactos que mantivo nos últimos días co ministro de Xustiza para que a planta xudicial de Vigo conserve os 8 xulgados de instrución e sume un novo en violencia contra a muller, á vez que incidiu na reclamación á Xunta para que atenda a demanda histórica de asumir o financiamento que lle corresponde para implantar gardas de 24 horas nos xulgados.

O alcalde afirma que o presidente da Xunta, coa carta que enviou este martes ao ministro de Xustiza sobre a supresión dun xulgado de instrución, “chega tarde” porque a semana pasada contactou con Félix Bolaños e porque o tema está “enfocado” entre Concello e Ministerio e nestes momentos “todo sinala que Vigo vai manter os oito xulgados de instrución”.
Caballero indica que a Xunta “non di que hai unha reclamación importantísima dos xulgados de instrución de Vigo para ter gardas de 24 horas os 365 días do ano” porque “non quere” que se fagan gardas diarias, mentres o Goberno de España si quere, orzamentando a parte que lle corresponde. “Para as gardas de 24 horas, que son fundamentais para o funcionamento dos xulgados, di non e agora defende o mantemento de 8 de instrución cando xa está, na miña opinión, arranxado co ministro de Xustiza”.
O rexedor sinala que a Xunta debe publicar, “mañá mesmo”, que acepta a demanda das gardas. “Veremos como seguen os 8 xulgados de instrución", un tema do que avanza que estará pendente, "pero das gardas ten que encargarse a Xunta que é quen o está a parar e o que enfada ás xuízas e aos xuíces de Vigo é non telas”.