Escoitar

Abel Caballero: “Non queremos axustes na docencia, queremos unha facultade de Medicina en Vigo e temos dereito a tela”

Este xoves 12 de xuño celébrase un Pleno Extraordinario no que se instará á Xunta a iniciar de xeito inmediato o proceso para a implantación do grao en Medicina e que estea operativo no curso 2027/2028, achegando un financiamento adicional ao que recibe a Universidade de Vigo.

martes, 10 xuñ 2025

O rexedor vigués volveu reclamar esta mañá a apertura dunha Facultade de Medicina na cidade, tras a oposición da Universidade de Santiago, xa que “teñen o privilexio de contar coa única de Galicia”, e as declaracións de Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia, nas que sinalou que “se poden facer axustes” e cualificou o tema de “reivindicación localista”. Caballero expuxo que “non se pode entender que o presidente da Xunta estea á contra”, e recalcou que “non queremos axustes na docencia, queremos unha facultade de Medicina en Vigo e temos dereito a tela”.

Este próximo xoves 12 de xuño o Concello celebra un Pleno Extraordinario no que se instará á Xunta a iniciar de xeito inmediato o proceso para a implantación do grao en Medicina e que estea operativo no curso 2027/2028, adicando un financiamento adicional á Universidade de Vigo. Para iso, insta á Xunta a orzamentar 5 millóns de euros nas contas do próximo ano e iniciar o procedemento.

“Vigo é a décimo cuarta cidade de España en poboación, e as trece que teñen máis poboación xa contan con facultades de medicina”, explicou Caballero, engadindo que “ademais hai 21 cidades máis pequenas que tamén teñen ese grao” citando Granada (233.000 hab.), Oviedo (217.000 hab.), Pamplona (204.000 hab.), Almería (200.000 hab.), Burgos (174.000 hab.), Castellón (172.000 hab.), Albacete (172.000 hab.), Santander (172.000 hab.), Badajoz (151.000 hab.), La Laguna (151.000 hab.), Salamanca (144.000 hab.), Huelva (142.000 hab.), Lleida (139.000 hab.), Tarragona (136.000 hab.), León (122.000 hab.), Cádiz (114.000 hab.), Jaén (112.000 hab.), Girona (101.000 hab.), Santiago (100.000 hab.), Ciudad Real (76.000 hab.) e Huesca (55.000 hab.). 

 

 

Descargar todas as imaxes