Conxemar 2024 xerou un negocio de 847 millóns, un 5% da facturación do sector estatal
Un informe elaborado por Zona Franca destaca que deses 847 millóns, 230 correspóndense con expositores galegos e cifra en 163 millóns o volume de negocio proxectado en Vigo e na súa área. As instalacións do Consorcio acolleron esta mañá a presentación das conclusións do estudo de impacto socioeconómico da última edición de Conxemar.

A creación de negocio total durante a Feira Conxemar en 2024 alcanzou os 847 millóns de euros, o que equivale case ao 5% do volume de negocios anual da industria e comercialización de produtos pesqueiros a nivel estatal. Desta cifra, máis de 230 millóns correspóndense con expositores galegos e o volume de negocio proxectado en Vigo e a súa área é de 163 millóns. É unha das principais conclusións do Informe de Impacto Socioeconómico da Feira e o Congreso FAO, elaborado grazas á colaboración da Asociación Conxemar, a Universidade de Vigo e o departamento ARDÁN, que hoxe foi presentado na Zona Franca coa asistencia do delegado do Estado, David Regades, o autor do Informe, Carlos Rodríguez, o presidente de Conxemar, Eloy García, e o alcalde, Abel Caballero.
O rexedor, logo de destacar a importancia da feira, volveu trasladar a vontade de Zona Franca de colaborar na ampliación do recinto feiral, pero insistiu en que para iso, debe definirse un novo modelo de padroado que realmente reflicta a achega de cada administración. Nese sentido, repetiu que a valoración das achegas realizada pola Xunta (31,4 millóns achegados de fondos autonómicos e 1,6 millóns por parte do Concello) é unha "manifesta falsidade", e a administración non pode aceptala porque estaría "a incumprir a lei". Así mesmo, lembrou que pediu ao goberno galego a realización dunha nova valoración por parte dun órgano externo independente, petición que aínda non tivo resposta.
Na súa intervención, Caballero fixo fincapé na proxección internacional da propia feira e da cidade. “Os datos cuantitativos son importantes pero o máis relevante é a marca que nos sitúa no mundo. Con Conxemar, Vigo convértese en outubro no gran mercado mundial das marcas de peixe conxelado. Esa é a clave, que a túa cidade se converta nese lugar onde centos de empresas de máis de cen países se dan cita para vender e comprar, fixar e marcar prezos que van regular o mercado. E iso é o que ten que perdurar. Hai que blindar Conxemar porque xa lles gustaría a outras cidades do mundo ter esta Feira”, reiterou.
Para David Regades, os datos constatan que “a feira actúa como catalizadora do desenvolvemento socioeconómico en toda a contorna de Vigo e define a importancia estratéxica para a súa proxección internacional”. De feito, o impacto na área, derivado dos acordos comerciais xerados para empresas locais, revelou un impacto económico estimado de 579 millóns de euros en termos de produción, 162 millóns en termos de renda e 4.547 empregos. Se engadimos o impacto derivado da organización do evento, Conxemar xerou para a área viguesa un impacto agregado de 671 millóns en termos de produción, contribuíndo cunha renda de 214 millóns de euros e 5.763 empregos.
Como explicou o autor do Informe, Carlos Rodríguez, do Grupo REDE da UVigo, outros datos sobresaíntes do impacto da feira foron o detectado sobre a renda equivalente a case un 0,5% do PIB anual da comarca de Vigo e que o gasto medio por participante (visitantes e persoas expositoras) ascendeu a 660 euros. O informe confirma o crecemento da Feira, que continúa entre os eventos internacionais de referencia, que a creación de negocio xera impacto na comarca de Vigo e axuda á desestacionalización do turismo e á proxección mundial da cidade e a súa área.
O presidente de Conxemar, Eloy García, sinalou que “o informe presentado certifica con datos medibles e obxectivos a relevancia da actividade de Conxemar para Vigo e a súa área de influencia, demostrando que o impacto económico da Feira e o Congreso non deixa de crecer. O 25 aniversario supuxo unha fito clave que reforzou a proxección de ambos os eventos e a súa vinculación coa cidade, marcando o inicio dunha nova etapa con maior presencia durante todo o ano, con actividades para todo tipo de público co obxectivo de fomentar o consumo de peixe. Non podemos obviar que o volume de negocio xerado durante a semana da Feira e o Congreso representa xa o 5% do total anual de todo o sector, unha cifra que evidencia a necesidade de garantir a súa continuidade e crecemento”.