Escoitar

O Pleno debaterá a creación dunha facultade de Medicina na cidade

“Demandamos unha facultade de Medicina na Universidade de Vigo e no campus de Vigo e de aí non nos imos mover”, declarou o alcalde, que considera que esta situación en Galicia debe ser única en España.

mércores, 11 xuñ 2025

O alcalde reclama unha facultade de Medicina no campus de Vigo co título da Universidade de Vigo. Este xoves o Pleno debaterá sobre a construción dunha facultade e a iniciación dos estudos do Grao en Medicina na cidade, que contará co apoio do alcalde: “De aí non nos imos mover”, afirmou.

Caballero explicou que Vigo ten capacidade de docencia para unha facultade de Medicina e que a cidadanía de Vigo quere a titulación, así como os médicos e médicas que exercen a súa profesión en Vigo, Ourense e Pontevedra. Tamén puxo de manifesto que Vigo é a 14ª cidade de España en poboación e a máis grande sen impartir estes estudos.

“Por que a Xunta non é proclive? Defenden un privilexio que é que sexa a de Santiago a que atenda a Vigo. Debe ser o único caso en España”. Así, exemplificou outros casos en España como Andalucía, onde todas as cidades contan co Grao en Medicina, e o mesmo ocorre en Cataluña e Valencia.

“Eu xa critiquei o acordo do ano 2015, cando se firmou non me gustou e o tempo deume a razón. Son 10 anos sen atender ao que eu xa dixen que ía resultar”, lamentou.

Caballero insiste en que a Xunta ten que orzamentar un diñeiro adicional ao que ten a Universidade de Vigo neste momento para comezar con esta nova titulación.

Descargar todas as imaxes