Escoitar

O Plan Municipal de Emprego convoca 75 postos cun orzamento de 1.375.000 euros

A Xunta de Goberno de Vigo aprobou hoxe a convocatoria para cubrir os 75 postos da oferta de traballo do “Plan Municipal de Emprego” de 2025, que ten un presuposto de 1.375.000 euros. “Un plan que durante nove meses permitirá dar capacitación profesional a 75 persoas para que continúen a súa vida laboral en empresas a través da súa propia iniciativa”, destacou Abel Caballero.

venres, 13 xuñ 2025

O alcalde anunciou este venres o inicio do proceso de selección das persoas que a partir de outubro comezarán a mellorar a súa formación laboral e a traballar en proxectos do Concello de Vigo incluídos no “Plan Municipal de Emprego” deste ano. Aprobada a convocatoria do persoal beneficiario do plan local, o Concello traslada a oferta ás oficinas de emprego para a selección dos candidatos en función dos traballos para desempeñar.

Caballero explicou que os traballadores seleccionados serán contratados durante nove meses, xa que o Concello ampliou en tres meses o período de contrato. Tamén destacou que as persoas seleccionadas realizarán traballos útiles para a cidade coa súa intervención en proxectos de mellora de 11 colexios, reparacións dos cemiterios de Cabral e de Pereiró, no peche da horta de Navia, na eliminación de barreiras arquitectónicas en distintas rúas e a mellora do estanque de Castrelos.

Entre os postos de traballo da oferta municipal atópanse os de auxiliares administrativos, riscos laborais, carpinteiros, fontaneiros, peóns de construción, delineantes, carpinteiros aluminio, xardineiros, carpinteiros de madeira, mecánico de maquinaria, delineante, pintores e electricistas.

Para optar a un dos postos é necesario, ademais de estar empadroado en Vigo, ter máis de 18 anos e figurar como demandante de emprego nas oficinas do servizo público.

Descargar todas as imaxes