Vigo inicia a recuperación urbanística dos ámbitos da Artística e Alfageme
A aprobación do PXOM permite iniciar o procedemento urbanístico para recuperar o patrimonio industrial da Artística e de Alfageme. O goberno local dará conta do inicio do expediente na próxima Xerencia de Urbanismo.

A Xerencia de Urbanismo tomará coñecemento do procedemento para o desenvolvemento dos ámbitos de solo urbano non consolidado (PERI) da Artística e de Alfageme. Unha vez aprobado o PXOM, avanzou o rexedor, é posible avanzar na recuperación urbanística destes espazos industriais.
Cunha superficie de 17.219 m2, o ámbito da Artística permitirá a continuidade da cidade consolidada desde a rúa Coruña cara a Barreras e supón a preservación do patrimonio industrial da cidade que a nave taller tense que integrar adecuadamente no ámbito. Adicionalmente, aparece como elemento a conservar a nave taylorista da antiga fábrica.
O desenvolvemento do ámbito de Alfageme e do colindante -de solo dotacional - permitirá a recuperación da nave orixinal deseñada por Gómez Román, un dos grandes arquitectos da historia de Galicia. Cunha superficie de 14.382 m2, facilitará a creación dun espazo verde e público en Tomás Alonso, con diferentes elementos patrimoniais integrados (un hórreo, un cruceiro...). Segundo Caballero, esta actuación permitirá tapar as medianeiras existentes na actualidade con edificios de uso residencial, convertendo un entorno abandonado do pasado industrial de Vigo nun espazo de dotación pública e residencial.