Escoitar

O Concello adxudica a obra de substitución da cuberta do CEP Celso Emilio Ferreiro, sendo “obriga da Xunta de Galicia”

O alcalde informou este venres que terá un custe de 577.382 euros e que se realizou polo procedemento de emerxencia.

venres, 13 xuñ 2025

“Esta obra é obriga da Xunta de Galicia, pero nunha decisión absolutamente incomprensible e intolerable, non a quere acometer”, explicou Caballero. O expediente inclúe que “o estudo de patoloxía en cuberta e fachadas no CEP Celso Emilio Ferreiro informa de xeito contundente, tras unha detallada análise do inmoble, que o mal estado da cuberta non se debe a unha falta de mantemento, senón que se trata de deficiencias estruturais e de mala execución construtiva”, sinalando que son do ente autonómico as competencias.

O Goberno da cidade destinará 577.382 euros á adxudicación do contrato de obras de substitución de cuberta e reparación de fachadas para garantir a seguridade dos usuarios no recinto do CEP Celso Emilio Ferreiro, aplicando a tramitación de emerxencia e cun prazo de execución de 3 meses. “É dunha gravidade extrema” aseverou.

Como relatou o rexedor esta mañá, o expediente tamén recolle que a cuberta do inmoble presenta múltiples e severos indicios patolóxicos en practicamente todos os seus elementos e indica que procede adoptar con carácter inmediato as seguintes medidas:

  • O desmantelamento e substitución integral da cuberta existente,incluíndo a súa estrutura portante.
  • Realización de demolición controlada dos panos de revestimento de fachada (morteiro monocapa) que evidencien un desprendemento do soporte, procedendo a súa reposición cun sistema de revestimento análogo ao existente.
  • Execución de reparacións estruturais nos dinteis ou elementos de formigón armado que manifesten desperfectos e que poidan derivar nunha potencial caída de cascotes”.

O Estudo técnico encargado polo Concello require “levar a cabo con carácter inmediato" as medidas que acabamos de referir polo que, aínda que a competencia do cambio da cuberta corresponde á Xunta de Galicia, á vista da resposta desta administración, o Concello para garantir a seguridade das persoas usuarias vese obrigado a intervir con carácter de emerxencia. 

CEIP Chans Bembrive

Abel Caballero recordou que será o goberno local o que tamén asuma “o cambio das cubertas do patio e pavillón do colexio Chans Bembrive”, xa que “teñen amianto e encóntranse moi deterioradas”. Os días de choiva “cae dentro e arrastra restos de amianto, que xa sabemos o prexuízo que ten na saúde”.

Descargar todas as imaxes