Escoitar

Caballero augura"o éxito" do campus polideportivo de VIDE porque"pertence ao ADN da cidade"

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou hoxe a decimoquinta edición do Campus Polideportivo VIDE, un evento que se celebrará nas instalacións municipais das Travesas do 23 ao 27 de xuño cunha oferta de 200 prazas para nenos e nenas de 8 a 14 anos. O prazo de inscripción arranca o luns, 2 de xuño no edificio do IMD.

xoves, 29 mai 2014
1401378940vide.JPG
Acompañado polo concelleiro de Deportes e presidente de VIDE, Manel Fernández, o coordinador do campus, Quique Domínguez, e representantes de todos os equipos que aportan adestradores e monitores, Caballero anunciou que este campus "é a crónica dun éxito anunciado" porque, dixo, "todos os anos cobre as súas prazas como unha exhalación". Iniciado no ano 2000, o alcalde non dubidou en manifestar que o campus "pertence ao ADN deportivo desta cidade".

O rexedor explicou que este campamento polideportivo é único porque coincide co final do curso lectivo, cun periodo no que os pais e nais aínda non puideron collerse vacacións e cunha proposta de convivencia e multidisciplinar que funciona. "Hai tal demanda de prazas que en media hora péchase a lista", apuntou o xefe do goberno vigués, quen ademais animou ao concelleiro a "multiplicar para o ano por dous ou por tres o número de prazas ofertadas para esta edición".

O alcalde tamén suliñou que outra das iniciativas do campus é a visita a Cíes (nesta oportunidade será o martes 24), que este ano ademais coincide coa aposta municipal de que as illas sexan Patrimonio da Humanidade. Durante a rolda de prensa, Abel Caballero lembrou que na súa época estudiantil xa se practicaban varios dos deportes propostos agora (baloncesto, balonmán, ciclismo ou hóckey a patíns), só algún menos que neste campus.

Outro dos éxitos deste campus é a súa pluralidade: non hai outro evento que reúna tantos clubs de elite da cidade para que os nenos e nenas poidan practicar baloncesto (Bosco), voleibol (Club Vigo e Xuvenil de Teis), balonmán (Octavio), fútbol sala (Bembrive FS), béisbol (Halcones de Vigo), bádminton (Rachaplumas), hóckey a patíns (Traviesas HC), rugby (Vigo Rugby Club) e ciclismo (Club Ciclista Vigués). Novidades este ano son as incorporacións de ciclismo e bádminton.
Con trinta monitores e adestradores, os alumnos están perfectamente controlados desde as nove da mañá ás seis do serán de luns a venres, pois comen nun área disposta para iso no propio pavillón das Travesas. Ademais, polas tardes os nenos van en grupos á piscina municipal do Carmen.

O campus abre a súa inscrición este vindeiro luns 2 de xuño de 2014 ás 9:00 horas na sede de VIDE, na rúa Cesáreo González (edificio do IMD das Travesas). Esta edición tamén conta co apoio de Naviera Mar de Ons, Frutas Nieves, Warrior, Coca-Cola, Pizza Móvil e Vitrasa. "Nestes momentos estes patrocinadores mostran a súa querencia polo deporte, o que máis que nunca ten un mérito excepcional", sostivo Caballero.
Descargar todas as imaxes