Escoitar
O Auditorio "Mar de Vigo" acollerá este evento desde mañá xoves ata o sábado

O alcalde recibiu á organización do XXIII Congreso da Sociedade Española de Diabetes

Caballero garantiulles a cooperación municipal desexando que o seu éxito sume enteiros para converter a Vigo en referente do turismo de congresos. O Comité Local organizador da vixésimo terceira edición estimou que participarán máis de mil profesionais de dentro e fóra das nosas fronteiras. Durante os tres días de duración do Congreso, Vigo recibirá a expertos procedentes de Porto, Bruxelas, Xenebra, Boston e Michigan, entre outros.

mércores, 18 abr 2012
1334767784congreso.jpg
Os máis de mil profesionais dos distintos ámbitos relacionados coa diabetes que chegan a Vigo teñen contratadas unhas 1.800 pernoctas en 16 hoteis da cidade. Ademais, o Auditorio Palacio de Congresos "Mar de Vigo" contará coa presenza de 24 laboratorios que presentarán os seus produtos aos asistentes.

Esta cita de nivel nacional, que ten lugar en Vigo por primeira vez, tratará todos os aspectos relacionados coa diabetes, desde os puntos de vista clínico, investigador e do tratamento ao paciente.

Sobre esta última cuestión, a cita viguesa ten previsto organizar actividades para os afectados por esta enfermidade. O próximo sábado, ás 11:30 horas e por preto de dúas horas de duración, o simposio cos pacientes afondará nos aspectos informativos e educacionais do tratamento.

Outra novidade que terá lugar en Vigo ten que ver cos animais, pois presentarase un sistema polo que os cans poden detectar e avisar ao paciente dunha eventual caída do nivel de glucosa, un proxecto pioneiro de implantación en España e Europa.

A organización calcula que o 10% da poboación española padece diabetes. O Comité Local responsable do Congreso está conformado por Reyes Luna, Manuel Sas, Vicky Hierro, Manuel Martínez Barral, Emilio Gil Martín, Francisco Javier García Soidán e Ricardo V. García-Mayor, o seu presidente.
Descargar todas as imaxes