Escoitar

O alcalde indica que a UNED de Vigo, pagada polo Concello, podería abrir en setembro

A apertura da aula está pendente da sinatura do convenio co Padroado da Universidade en Pontevedra, unha vez sexa validado polo goberno local, e Caballero informou do acordo entre as partes para o sistema de designación do coordinador, que precisará da conformidade do Concello de Vigo. O alcalde recordou que Vigo paga o 100% da infraestrutura e reclamou apoio económico a Xunta e Deputación.

martes, 17 abr 2012
1334663620caballero.JPG
A aula viguesa da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) está pendente da sinatura do convenio co Padroado provincial, e tras ser ratificado pola Xunta de Goberno Local, polo que o alcalde fixa o obxectivo de abrila en setembro, de cara ao inicio do novo curso.

Abel Caballero recordou o interese do Concello na apertura desta nova dotación educativa en Vigo, pois será a municipal a única administración que adique cartos -70.000 euros-, sufragando o 100% do seu custo. O rexedor solicitou á Xunta de Galicia e á Deputación de Pontevedra que apoien económicamente a sede viguesa, como acontece coa UNED na capital da provincia.

Ademais, o socialista explicou que existe un acordo co Padroado provincial -entre os que non existe ningún membro de Vigo, segundo censurou- no sistema de elección do coordinador da aula viguesa, polo cal a edil de Educación do Concello de Vigo deberá dar a súa conformidade ao nome proposto polo Padroado, por pagar Vigo en exclusiva o custo. Abel Caballero explicou que na súa vontade está que algún profesor da Universidade de Vigo poida ocupar este cargo.

Centro Internacional de Ensinos
Por outra banda, o alcalde de Vigo avanzou que o convenio para a creación deste centro está listo para ser elevado ao Pleno da Corporación, a falta de ter aprobados definitivamente os orzamentos municipais deste ano, actualmente en fase de tramitación.

O Concello destina 142.000 euros para a súa creación en 2012 e prevé un gasto de 200.000 euros anuais en 2013 e 2014, unha sede que novamente conta co único respaldo da adminitración local. Este convenio ten que ser rubricado directamente pola central da UNED en Madrid, dependente do Goberno de España.
Descargar todas as imaxes