Escoitar

O alcalde avanza a saída en "aluguer moi accesible" de 35 pisos municipais en Navia

Abel Caballero anunciou este martes que o próximo Consello da Xerencia municipal de Urbanismo recepcionará 38 vivendas en Navia correspondentes ao Concello da promoción autonómica. Uns 35 pisos -de entre 80 e 87 m2- sairán en "aluguer moi accesible", con prezos entre 116 e 166 euros, para persoas con mobilidade reducida e para niveis de renda non superiores aos 2,5% do IPREM. As restantes serán empregadas polo municipio para fins sociais.

martes, 1 mar 2011
1298986806Imagen003.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este martes a saída a concurso en "aluguer moi accesible" de 35 vivendas municipais en Navia, con prezos que oscilarán entre os 116 e os 166 euros ao mes.

Segundo explicou o rexedor, a Xerencia de Urbanismo recepcionará o próximo xoves 38 pisos correspondentes ao Concello da promoción autonómica en Navia, dos que uns tres serán empregados para fins sociais e os 35 restantes sairán en aluguer para aqueles interesados empadroados en Vigo.

O gobeno local divide en tres grupos as 35 vivendas ofertadas en aluguer, das que destinará 9 para persoas con mobilidade reducida, 16 para persoas con ingresos inferiores ao 1,5 do valor do IPREM e as 10 restantes para vigueses cunha renda entre o 1,5 e o 2,5 do devandito índice.

As vivendas que oferta o Concello en aluger teñen unha superficie de entre 80 e 87 metros cadrados e un prezo mínimo de 116 e máximo de 166 euros cada mes.

Prazos
O alcalde de Vigo afirmou que o próximo xoves o Concello recepciona os pisos que lle corresponden en Navia e a próxima semana aprobaranse as bases do concurso. Tras ser publicadas no Boletín Oficial da Provincia, o goberno local abrirá o prazo de inscripción -a finais de marzo, estimou Caballero- que alongarase entre 45 e 60 días para posteriormente adxudicar as vivendas.

Vivendas de protección
Abel Caballero recordou asemade que Urbanismo está actualmente elaborando o planeamento de 40 ámbitos recollidos no Plan Xeral cunha superficie total de 5,5 millóns de metros cadrados, que acollerán case 19.000 vivendas das que preto de 11.000 serán de protección.

"Isto é posible grazas á modificación que establecimos no vello Plan Xeral", aseverou Caballero, que reservaba o 22% do total da edificación para vivenda protexida e o goberno que preside elevouno ata o 47% finalmente vixente.
Descargar todas as imaxes