Escoitar

O alcalde anuncia o asfaltado de 35 quilómetros de rúas por todo Vigo

Segundo indicou Abel Caballero, o programa municipal de asfaltados deu comezo este xoves e durará dous meses, contemplando a renovación e mellora do pavimento ao longo de 35 quilómetros de rúas, tanto no centro como nas parroquias, "o que significa atender a todo o ámbito vigués". O goberno local destina ao efecto tres millóns de euros nesta iniciativa que se desenvolverá "en paralelo aos procesos de humanización" en marcha.

xoves, 24 feb 2011
1298555121Imagen010.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou en rolda de prensa que hoxe xoves deu comezo o programa municipal de asfaltados, que atenderá a 35 quilómetros de rúas en todo Vigo.

Segundo asegurou Caballero, esta iniciativa levarase adiante durante dous meses "en paralelo aos procesos de humanización" que xa están en marcha ou proxectados, e atenderá "a todo o ámbito vigués" ao levar a mellora da pavimentación ao centro, barrios e parroquias da urbe. O goberno local investirá aproximadamente 3 millóns de euros en total.

Esta decisión "significa atender a todo o ámbito vigués", aseverou o alcalde, desde o centro da cidade ata o rural. Detallou Caballero actuacións no barrio de Casablanca, Venezuela, Ecuador, Cuba e Guatemala; tamén en Coia, Tomás Paredes e A Doblada; e no Areal, en Inés Pérez de Ceta, Serafín Avendaño e Canceleiro.

Por outra banda, máis alonxado do centro, o alcalde citou asfaltados en Candeán, Matamá, Teis, Beade, Cabral, Bembrive, Comesaña, Lavadores, Valladares, Sárdoma, Castrelos, Coruxo, San Xoán Poulo, Zamáns, Oia e Saiáns. "35 quilómetros de rúas asfaltadas en dous meses cun investimento de 3 millóns de euros. Iso é ao que se dedican os impostos dos cidadáns, a mellorar a cidade", concluíu Abel Caballero.
Descargar todas as imaxes