Escoitar

A Casa das Artes amosa unha exposición sobre ás mulleres represaliadas en Galicia tras o golpe de estado de 1936

"Vermellas. Chamábanlles rojas" é unha exposición que pon nome e rostro ás mulleres represaliadas en Galicia tras o golpe de estado de 1936. Conta con abundante documentación literaria, ademais de fotografías e material audiovisual procedente do proxecto de investigación interuniversitario "As vítimas, os nomes, as voces e os lugares", dirixido polo catedrático en Historia Contemporánea da Universidae de Santiago de Compostela Lourenzo Fernández Prieto. A exposición poderase visitar do 25 de febreiro ao 20 de marzo.

xoves, 24 feb 2011
A exposición, que foi inaugurada en Lugo en 2009, chega agora a Vigo da man do Consello Municipal da Muller, a Concellería de Igualdade e a Concellería de Cultura do Concello de Vigo, co gallo da celebración do Día Internacional da Muller, e poderá ser visitada na Casa das Artes (planta baixa) ata o vindeiro día 20 de marzo.

Ademais da documentación literaria, autoría de Claudio Rodríguez e Carmen Blanco, a mostra inclúe diferentes gráficas e un mapa no que se pode estudar a represión exercida contra as mulleres durante a época franquista, ademais de fotografías e distinto material aportado polas familias e persoas achegadas.

A montaxe complétase coa música dun grupo de novos e novas intérpretes que colaboraron na gravación dun CD dedicado ás vítimas da represión franquista, e cuns gravados de Sara Lamas procedentes do libro de Claudio Rodríguez Fer "Ámote Vermella".

O proxecto propocionou unha lista de nomes de vítimas procedente dos resultados da investigación do citado equipo de traballo da USC desde 2006 e conta cun importante fondo documental e oral, con 403 entrevistas, algunhas delas seleccionadas para esta exposición.

"Vermellas. Chamábanlles rojas" sitúanos no escenario de conculcación dos dereitos humanos que se estableceu tras o golpe militar de 1936, no que a muller é vítima dunha cotidianidade caracterizada por rexistros domiciliarios acompañados de ameazas, saqueos ou maltratos, ás veces inferidos aos fillos e ás fillas menores de idade con grande ensañamento.

A exposición deixa constancia documentada dun número significativo de mulleres vítimas directas da represión. Unhas sancionadas, enxuízadas, postas ante pelotóns de fusilamento, atopadas tiroteadas nas cunetas ou desaparecidas; outras rapadas e purgadas nun contexto de abusos e escarnio dos vencedores e a impotencia dos vencidos obrigados a contemplar estes actos sen ousar intervir paralizados polo terror.

Pero tamén mostra mulleres capaces de rebelarse contra a pretendida vergoña social, que, posiblemente como unha forma de amosar desprezo tanto polo castigo como polos que o levan a cabo, mostran publicamente a súa cabeza pelada e se fan fotos que negan o esquecemento dunha época non
tan lonxana na que a socialización do terror precedeu a unha longa ditadura.

A produción da exposición correu a cargo de Lugo Cultural (Concello de Lugo, Vicepresidencia Primera da Deputación Lugo, Xunta de Galicia, Nova Calega Galicia e USC).

Lugar: Casa dar Artes (Planta Baixa).
Do 25 de febreiro ao 20 de marzo.
Horarios:
De luns a venres:
De 18:00 a 21:30 h.
Sábados:
De 11:00 a 14:00 e de 18:00 a 21:30 h.
Domingos e festivos:
De 11:00 a 14:00 h.

Máis información