mércores, 23 feb 2011
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, visitou este mércores a factoría de compoñentes para a automoción, onde acordaron traballar en conxunto para que os elementos de seguridade no automóbil que ensamblan en Vigo poidan incorporarse aos novos modelos da planta de Balaídos de PSA. Ademais, Caballero anunciou que buscarán o respaldo do Ministerio de Ciencia a tres proxectos innovadores que impulsa a terceira empresa da cidade.
mércores, 23 feb 2011
Seguir apoiando ao pequeno e mediano comercio, con novas iniciativas para a súa modernización e campañas de promoción. Esa é a liña de traballo que a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Comercio continuarán desenvolvendo, segundo trasladou hoxe o tenente de alcalde aos comerciantes no percorrido que fixo por diferentes establecementos da zona comercial centro. O nacionalista avanzou que se está estudando recuperar a campaña de estacionamento gratuíto para as persoas que merquen no comercio de proximidade e tamén que se desenvolverá unha campaña de promoción de Vigo en Portugal, que vai favorecer a chegada de visitantes que aproveitan as súas saídas para facer compras.
mércores, 23 feb 2011
O alcalde de Vigo explicou este mércores que o PXOM de Vigo será modificado para adecualo á decisión municipal de habilitar un paseo verde de 3 quilómetros no espazo que ocupa actualmente as vías ferroviarias ata Urzáiz. Abel Caballero advertiu que o Plan contemplaba a entrada do AVE en superficie, "partindo a cidade en dous", pero a consecución do túnel de acceso permite liberar a zanxa e empregar o espazo para uso cidadá.
mércores, 23 feb 2011
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, entrevistouse este mércores cun colectivo empresarial da cidade para intercambiar opinións sobre o proxecto de lei de Área Metropolitana, encontro que o rexedor cualificou de "interesantísimo" e do que obtivo o "respaldo" á postura do goberno local de que a creación do novo ente implique a cesión de competencias doutras administracións para evitar duplicidades. "O apoio foi total", aseverou Caballero sobre os empresarios, quenes pediron que o Área inclúa competencias de solo industrial e transporte metropolitano.
mércores, 23 feb 2011
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e o concelleiro de Cultura, Xesus López, presentaron este mércores o programa do Entroido 2011, que comezará o venres 4 de marzo na Praza da Constitución coa lectura do pregón a cargo do actor Avelino González, ás 20.30 horas, e o concurso de coplas ás 21.30 horas. O nacionalista afirmou que do 4 ao 9 de marzo "Vigo vivirá o Entroido dun xeito moi especial, mantendo o deseño dos últimos anos e incorporando novidades".
mércores, 23 feb 2011
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, presentaron este mércores as actividades co que a cidade inicia os actos de conmemoración desta efeméride en Galicia. O próximo sábado, 26 de febreiro, celebrarase o acto central, con representacións musicais e teatrais, e toda a semana, desde hoxe, a Praza da Constitución acolle textos traducidos a 15 idiomas para a cidadanía.
mércores, 23 feb 2011
A concelleira de Benestar Social, María Méndez, fixo balance este mércores das diferentes actividades de prevención da dependencia que se desenvolveron dentro do programa de Avellentamento Activo e Deporte para Maiores en 2010. Destacou que fronte ás 800 persoas que participaban en iniciativas similares no 2007, ao longo do ano pasado foron 5.462 persoas de máis de 65 anos as que participaron nalgunha das actividades de prevención organizadas.
mércores, 23 feb 2011
O concelleiro de Cultura, Xesus López, presentou este mércores a terceira edición do programa Duplo R, que terá lugar o venres, 25 de febreiro, na sala Inferno a partir das 19:30 horas, co obxectivo de unir dúas liñas como son a tradición galega das regueifas e a expresión cultural urbana do rap e o hip hop. Como novidade, Xesus López anunciou que ás 18 horas celebrarase unha sesión de grafiti e break na confluencia das rúas Urzáiz e Méndez Núñez.
mércores, 23 feb 2011
O Auditorio Municipal acolle mañá, 24 de febreiro, unha nova actuación organizada pola Concellería de Cultura e Animación Sociocultural dentro do seu programa estable de artes escénicas. Será o concerto que ofrecerá a Sociedade Filharmónica, integrada polo dúo do pianista Juan Manuel Varela e a soprano Aida López Carrera, a partir das 20.30 horas. As entradas teñen un prezo de 5 euros e pódense adquirir na web www.laboleteria.es ou na taquilla unha hora antes do comezo da actuación.