Escoitar

Santi Domínguez anuncia que o Entroido amplía actividades e o desfile de comparsas recupera o percorrido polo centro

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e o concelleiro de Cultura, Xesus López, presentaron este mércores o programa do Entroido 2011, que comezará o venres 4 de marzo na Praza da Constitución coa lectura do pregón a cargo do actor Avelino González, ás 20.30 horas, e o concurso de coplas ás 21.30 horas. O nacionalista afirmou que do 4 ao 9 de marzo "Vigo vivirá o Entroido dun xeito moi especial, mantendo o deseño dos últimos anos e incorporando novidades".

mércores, 23 feb 2011
1298469858Entroido.JPG
Respecto a estas novidades, Santi Domínguez destacou precisamente a celebración o venres do concurso de coplas, en lugar do sábado, para "aproveitar o tirón popular". Tamén salientou a organización durante dous días do Entroido infantil, que terá lugar o domingo e luns de 17 a 20 horas na Praza de Compostela, e a recuperación do percorrido tradicional do desfile de comparsas, dende Isaac Peral á Porta do Sol, o sábado 5 de marzo. Ademais, no tocante ao desfile, asegurou que "faremos traballar ao xurado máis que outros anos", xa que vaise mover ao longo do percorrido para avaliar a actuación das comparsas ao longo de todo o percorrido e non nun só punto como se facía ata agora.

O tenente de alcalde fixo un chamamento aos vigueses e viguesas para que pese aos tempos de crise, gocen do Entroido, que sempre se caracterizou "por ser tempo de reivindicacións e sátiras". O nacionalista agradeceu tamén a colaboración que prestan a Federación de Peñas El Olivo e a asociación de Centros Culturais e Recreativos de Vigo na organización dos actos así como os voluntarios e voluntarias que participan no mantemento da seguridade.

Xesus López destacou que o Entroido é unha das celebracións "con máis tradición e enraizamento do calendario festivo de Galiza", que se caracteriza poque ten celebracións propias e diferenciadas en diversos lugares da xeografía galega, como Laza ou Xinzo. Segundo o concelleiro de Cultura, o Entroido vigués sufríu "un bache importante" porque recurríu a estereotipos alleos. "Pero dende hai tres anos quixemos dotalo dun fíocondutor baseado no Entroido do século XIX, perfectamente documentado", afirmou. Neste sentido apuntou que está baseado en persoeiros vigueses propios como o deus Momo, así como o rei e a raíña do Entroido.

O concelleiro de Cultura afirmou tamén que se fixo un "programa participativo" e debullou o calendario deste ano. Respecto ao día de comezo, venres 4 de marzo, engadiu que ademais do pregón e o concurso de coplas, celebrarase a entronización do rei e a raíña do Entroido ás 21 horas. O sábado 5 de marzo haberá animacións de rúa en diferentes puntos do centro da cidade dende ás 17 horas; ademais da recepción á comitiva rexia e o desfile de comparsas e carrozas e verbena, dende ás 22.30 horas celebrarase a verbena na Porta do Sol.

O domingo, de 17 a a 20 horas, terá lugar o Entroido infantil na Praza de Compostela, que tamén se celebrará o luns, e ás 19 horas, celebrarase o segundo serán do Entroido. O martes, 8 de marzo, a concentración da comitiva rexia será na Praza da Constitución ás 17.30 horas, mentres que o acto rexio de homenaxe ao deus Momo será ás 18 horas na Praza de Compostela, onde posteriormente se desenvolverá o concurso de disfraces. A Porta do Sol acollerá a partir das 22.30 horas a verbena e ás 24 horas o anuncio do falecemento do deus Momo e a lectura do testamento a prol do seu fillo Momiño, así como o xuízo, sentenza e queima do rei e raíña do Entroido. Finalmente, o mércores 9 de marzo, na Praza da Constitución ás 18 horas celebraranse as exequias funerarias solemnes das comparsas, e ás 19.30 horas será o sepelio do deus Momo. A figura do Merdeiro tamén terá protagonismo, xa que percorrerá as rúas do Casco Vello e Príncipe "animando á xente a participar no Entroido".
Descargar todas as imaxes