Escoitar

María Méndez salienta que máis de 5.400 persoas participaron nos programas de Avellentamento Activo de Benestar Social

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, fixo balance este mércores das diferentes actividades de prevención da dependencia que se desenvolveron dentro do programa de Avellentamento Activo e Deporte para Maiores en 2010. Destacou que fronte ás 800 persoas que participaban en iniciativas similares no 2007, ao longo do ano pasado foron 5.462 persoas de máis de 65 anos as que participaron nalgunha das actividades de prevención organizadas.

mércores, 23 feb 2011
1298469744Avellentamento.JPG
"Prevención, prevención e prevención é o que hai que facer tanto nas persoas maiores como nas xoves", afirmou a concelleira nacionalista, para quen "si se levaran a cabo máis programas de prevención, a nosa sociedade sería máis saudable". Ademais de favorecer a saúde das persoas, para María Méndez a implantación destas iniciativas supón tamén un aforro económico moi importante no sector sanitario. Neste sentido indicou que o custo global dos programas de prevención é de 100.000 euros, mentres que o Concello inviste arredor de 3 millóns de euros nos programas de dependencia.

María Méndez explicou que ao chegar á Concellería de Benestar Social os programas de prevención da dependencia estaban centrados nos balnearios e o deporte. Pola contra, afirmou que na actualidade "temos múltiples programas e actividades" e deu conta de cada un deles. Sinalou que nos obradoiros de Avellentamento Activo, que se desenvolven de febreiro a decembro, participan persoas maiores de 21 asociacións veciñais da cidade. Inclúen talleres de memoria, risoterapia, musicoterapia, saúde e danzas do mundo entre outras propostas. A maioría das participantes son mulleres cunha idade media de 78 anos.

Outra proposta que salientou a concelleira de Benestar Social é Deporte para Maiores, que se desenvolve nos pavillóns municipais de Berbés, Teis, Lavadores e Travesas e nas súas respectivas piscinas, e na que participaron 823 persoas no 2010. Respecto ás Actividades Interxeneracionais ao aire libre dixo que teñen lugar en diferentes prazas da cidade. Falou tamén de actividades culturais como Viaxa e coñece, que ten por obxectivo dar a coñecer o patrimonio cultural da Eurorrexión, así como dos percorridos polo patrimonio vigués, cos que se poden coñecer os xacementos de Toralla e O Castro a través de visitas guiadas. Finalmente, comentou que no 2010 un total de 475 persoas participaron no programa de balnearios.

"Apostamos polo mantemento destes programas e traballamos coa meta de que todos os maiores de Vigo participen", asegurou María Méndez. Neste sentido indicou que no que vai de ano dúas novas asociacións imparten os obradoiros de Avellentamento Activo, de xeito que son xa un total de 21.
Descargar todas as imaxes