Escoitar
O Instituto Álvaro Cunqueiro faise co segundo premio, e o xurado outorga unha mención especial ao IES Santa Irene

Escolas Nieto gaña o Premio Reconquista cunha viaxe a París para a clase vencedora

O centro educativo Escolas Nieto vén de gañar o Premio Reconquista, que galardoa aos mellores traballos escolares sobre a efeméride histórica que este ano cumpre douscentos anos. Máis de vinte alumnos deste colexio, acompañados polos seus profesores, disfrutarán dunha viaxe a París, ao acadar o primeiro premio do certame, segundo o fallo do xurado.

venres, 17 abr 2009
O segundo premio foi adxudicado ao Instituto de Ensino Secundario Álvaro Cunqueiro, que recibirá unha viaxe a Lisboa para os alumnos e profesores participantes. Para rematar, o xurado, con carácter excepcional, e ante a calidade do traballo, decidiu outorgar unha mención honorífica especial, con carácter de terceiro premio, ao Instituto Santa Irene, no que o seu equipo de alumnos recibirá unha excursión en barco ás illas Cíes.

O xurado do Premio Reconquista, presidido polo concelleiro de Cultura, Xesús López, subliñou a altísima calidade dos trabalos presentados polos estudiantes vigueses. O primeiro premio, correspondente a Escolas Nieto, é unha publicación, a escala xigante, na que se narran os feitos da Reconquista. Semella unha gran revista, exquisitamente debuxada e narrada, na que, ademáis, os alumnos logran transmitir os valores dos feitos históricos de hai dous séculos e fan unha reflexión sobre o Vigo do futuro.

O segundo premio, elaborado por alumnos do Instituto Álvaro Cunqueiro, parte dunha idea orixinal: Adaptar a obra "Gernika", de Picasso, á Reconquista, incluíndo no cadro elementos como os soportais do Berbés, a machada de Cachamuíña ou un curioso reloxo móbil, que vai narrando os feitos acontecidos hai dous séculos.

Con carácter excepcional, o xurado decidiu premiar tamén o traballo presentado polo instituto Santa Irene, que rematou nas votacións no terceiro lugar. Así, decidiuse outorgar aos alumnos deste centro un premio consistente nunha xornada de travesía en barco e estancia nas illas Cíes. O traballo do Santa Irene representa nun gran mural a ría de Vigo, cunha recreación do casco vello amurallado, imitando unha escena de Astérix. Ademais, dous altofalantes, cun reproductor mp3, permiten escoitar a historia da Reconquista, narrada polos propios alumnos participantes.

O xurado destacou outros traballos, algúns deles con soporte audiovisual e presentacións gráficas en powerpoint. Tamén, propostas orixinais como converter o mural no celuloide dunha película, rescatar ás víctimas da Reconquista, dando os seus nomes e parroquias de procedencia, ou dous espectaculares cadros cunha vista histórica do Berbés ou cunha escena da batalla fronte á porta da Gamboa, empregando texturas diversas, como area, papel de aluminio e teas.

A entrega de premios realizarase o xoves, 23 de abril, pola tarde no Verbum. A mostra dos traballos poderá visitarse neste museo ata o próximo 24 de abril, no horario de 10.00 a 19.00 horas, de martes a domingo.

A participación dos estudiantes vigueses no Premio Reconquista superou os 600 alumnos, que se teñen achegado á conmemoración do Bicentenario dun xeito lúdico e orixinal.