Escoitar

A nova edición do "Vigo a escena" comeza esta fin de semana en Cabral, Bouzas, Navia e Matamá

A programación de "Vigo a escena" para o primeiro semestre do 2009 posta en marcha pola Concellería de Cultura comezará esta fin de semana con representacións nas parroquias de Cabral, Bouzas, Navia e Matamá. O sábado, 18 de abril terán lugar dúas actuacións, unha na AVVCD Santa Mariña de Cabral, a cargo de Artello Teatro, e outra no auditorio do ESAD coa compañía Fulano, Mengano e Citano. Xa o domingo, Títeres en Acción actuará na AVV Emilio Crespo de San Paio de Navia e Artello Teatro o fará na SCD Atlántida de Matamá.

xoves, 16 abr 2009
A primeira actuación do sábado, 18 de abril, terá lugar na AVVCD Santa Mariña de Cabral, e nela a compañía Artello Teatro interpretará ás 18 horas a obra "Polgariño e CIA", dirixida a un público familiar. Baixo a dirección de Manuel Pombal, os actores Santiago Montenegro e Rosa Hurtado participan na actualización da historia de Perrault que fala dun ser humano débil e pequeño que coa súa intelixencia, xenerosidade e audacia é quen de librar aos seus dos inimigos máis terribles.

Ás 20 horas, a compañía Fulano, Mengano e Citano representará a obra "Arte" no auditorio do ESAD de Bouzas, precisamente a inclusión deste espazo constitúe unha das novidades desta programación para o 2009. Da dramaturga francesa Yasmina Reza, e coa dirección de Celso Parada, os actores Manuel Botana, Manuel Botana e Suso Pando narran a historia de tres amigos que poñen en perigo a súa relación a causa dunha disparidade de opinión sobre o arte. A desproporción na discusión provoca altercados violentos que rematan con toda posibilidade de comunicación e finalmente provocan risa.

Xa o domingo, Títeres en Acción representará "Trastos vellos" na AVV Emilio Crespo de San Paio de Navia ás 19 horas. Dirixida a un público familiar, a historia céntrase nas aventuras de Choliño, Maripili, Marti e Ficus, unha disparatada panda que une as súas forzas para evitar que os humanos limpen o vello fallado no que conviven. Cun guión intemporal e cancións propias, a obra está chea de gags intemporais na procura do sorriso di espectador. E ás 19.30 horas, as instalacións da SCD Atlántida de Matamá acollerán a obra "Polgariño e CIA", de Artello Teatro.