martes, 8 set 2009
A concelleira de Benestar Social, María Méndez, salientou este martes que "é a primeira vez que o Concello de Vigo incrementa o seu orzamento destinado a cooperación máis alá da subida do IPC" ao pasar de 64.000 a 100.000 euros. A edil así o subliñou no transcurso do acto celebrado con motivo do Día Internacional do Cooperante, no que participaron representantes de distintas ONGs e do Fondo Galego de Cooperación, e no que ademais de dar lectura á declaración institucional aprobada no pleno de onte, se mantivo unha conversa coa cooperante viguesa Ana Maro, que desenvolve o seu traballo en Guatemala.
venres, 4 set 2009
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, destacou este venres que as axudas para comedor e libros para o curso que comeza nos vindeiros días se incrementaron en 114.000 euros respecto ao exercicio pasado, ao pasar de 400.000 a 514.000 euros. Na presentación conxunta do programa coa concelleira de Benestar Social, María Méndez, o tenente de alcalde subliñou que estas axudas "que saen dos cartos da cidadanía van encamiñadas á loita pola igualdade de oportunidades" e a paliar a crise económica.
martes, 1 set 2009
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, a concelleira de Benestar Social, María Méndez, e o responsable territorial do Secretariado Xitano, Santiago Avión, asinaron hoxe un convenio de colaboración que ten por obxectivos a intervención familiar para a integración da poboación de etnia xitana e cigana e a erradicación do chabolismo. O programa chegará a 54 familias. Segundo explicou o tenente de alcalde, a sinatura deste convenio supón "o impulso ao obxectivo do goberno e do BNG de traballar coas distintas sensibilidades sociais para acadar a igualdade de oportunidades na nosa sociedade".
xoves, 16 xul 2009
O alcalde, o tenente de alcalde e a concelleira de Benestar Social deron hoxe a benvida do Concello de Vigo aos 50 nenos e nenas saharauis que este ano están acollidos por familias viguesas dentro do programa "Vacacións en Paz", que conta co financiamento do departamento de Benestar.
mércores, 15 xul 2009
A concelleira de Benestar Social, María Méndez, amosouse hoxe "moi satisfeita" pola participación e boa acollida que están a ter as actividades intexeneracionais de verán ao aire libre que se están a desenvolver en diferentes prazas da cidade. A nacionalista visitou hoxe a actividade que se realizou no paseo da Avenida, na que participaron máis de sesenta persoas.
martes, 14 xul 2009
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e a concelleira de Benestar Social, María Méndez, asinaron hoxe tres convenios de colaboración coa Asociación de Persoas Xordas, a Fundación Menela e a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer (Afaga) que teñen como obxectivo avanzar na integración e mellora da calidade de vida das persoas con algún tipo de discapacidade, así como das súas familias.
xoves, 9 xul 2009
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e a concelleira de Benestar, María Méndez, compartiron hoxe unha parte da xornada cos nenos e nenas que participan no campamento "Verán de lecer" para persoas con discapacidade. Santi Domínguez salientou que este iniciativa é un claro exemplo "da nosa aposta pola integración real e por que a igualdade de oportunidades para todos e todas se materialice día a día".
xoves, 9 xul 2009
Co obxectivo de avanzar na elaboración do I Plan de Integración Social, Convivencia Intercultural e Cidadanía de Vigo hoxe celebrouse unha xornada de traballo na que participaron representantes de entidades e asociacións de emigrantes, así como técnicos e profesionais do sector. Na inauguración o tenente de alcalde, Santi Domínguez, quixo poñer en valor o traballo que se está a desenvolver desde a Concellería de Benestar en colaboración con todos eles para que Vigo conte por primeira vez cun plan de inmigración.
martes, 7 xul 2009
O dispositivo de acceso ao baño para persoas con mobilidade reducida prestarase este ano por primeira vez tamén na praia de O Vao. O tenente de alcalde, Santi Domínguez, salientou na presentación que "quixemos ampliar o servizo, que xa se viña prestando en Samil, para continuar avanzando na integración real das persoas que teñen algún tipo de discapacidade".
mércores, 1 xul 2009
A concelleira de Benestar Social, María Méndez, anunciou este mércores a posta en marcha do primeiro programa de actividades interxeracionais de verán ao aire libre, que se desenvolverá en diferentes barrios da cidade ao longo dos meses de xullo e agosto. Danzas do mundo e tai chi son as dúas actividades que se celebrarán na Praza da Independencia, O Calvario, avenida de Castelao, Praza de Compostela e alameda de Bouzas, de luns a venres e sempre de 10.30 a 11.30 horas.